A Zona Franca e o CTAG alíanse para traballar polo futuro Polo Tecnolóxico de Humanoides

xoves, 15 de xaneiro do 2026 S. P.

Liderar desde Vigo a transición cara ao uso de robots humanoides na industria, xerando innovación e desenvolvemento económico, é o obxectivo do futuro Polo Tecnolóxico de Humanoides, proxecto no que está a traballar o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e co que colaborará a Zona Franca de Vigo, segundo foi acordado nun encontro mantido este xoves 15 de xaneiro na sede do Consorcio entre o delegado do Estado, David Regades, e o director xeneral de CTAG, Luís Moreno.
O obxectivo específico deste proxecto é “a creación dun ecosistema tecnolóxico de humanoides, o que supoñerá un salto exponencial nas novas tecnoloxías da robótica aplicadas ás plantas industriais, a defensa ou os servizos, a fin de dar resposta ás necesidades da industria galega e española”.
O ecosistema, indicaron, suporía ademais “liderar desde Galicia un polo de competencias humanoides único en Europa que estaría baseado en investigación e desenvolvemento, industria, goberno e cidadanía e que contaría cun laboratorio de referencia para o desenvolvemento de solucións e dun polo tractor para captar investimentos”.
Na reunión, David Regades confirmou o apoio da Zona Franca de Vigo e a colaboración para traballar xunto a CTAG neste proxecto “enmarcada na liña conxunta de apoio que xa vimos tendo con CTAG nos últimos anos”.
Para o delegado do Estado “este salto cualitativo da robótica móbil supoñerá unha disrupción e unha oportunidade inmellorable na aposta que temos en Zona Franca pola transformación dixital e as novas tecnoloxías”. O Consorcio dispón ademais de laboratorios de emprendemento e desde a High Tech Auto estaría en disposición de enriquecer e completar todo o proceso, así como na captación de fondos europeos.
Pola súa banda, o director xeneral de CTAG, Luís Moreno, que “este proxecto nace coa vocación de situar a Vigo e a Galicia na vangarda europea da robótica humanoide aplicada á industria. Falamos dunha tecnoloxía cun enorme potencial transformador, capaz de mellorar a competitividade das nosas empresas, xerar emprego cualificado e atraer investimento”.