A Zona Franca impulsa dende Galicia o certame europeo de navegación por satélite

venres, 14 de xuño do 2019 Redacción

A Zona Franca de Vigo é o socio galego (por quinto ano consecutivo e en colaboración coa UVigo e a Fundación CINAE) do Concurso Europeo de Navegación por Satélite (Galileo Masters). Segundo informa a entidade viguesa, até o vindeiro 31 de xullo as ideas para o desenvolvemento de aplicacións que queiran optar a converterse nunha realidade empresarial co apoio da Axencia Espacial Europea poden aínda inscribirse no certame.
Este ano os premios sumarán máis dun millón de euros. Ademais, os galardóns inclúen acceso a incubadoras de empresas, formación para emprendedores, consultoría de patentes, apoio á realización de estudos de mercado, respaldo técnico, apoio á comercialización e acceso a expertos e financiamento público, entre outros.
Segundo explica o delegado da Zona Franca, David Regades, a entidade viguesa dotará ao gañador de Galicia cun ano de incubación nun dos seus viveiros, o que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, consultoría, avaliación e formación e orientación económica, “porque queremos que para converter a súa idea en negocio dispoña de todos os mellores servizos”, explicou. Así mesmo, a Zona Franca sufragará os gastos de viaxe e aloxamento do gañador para que poida asistir á cerimonia internacional de entrega de premio, cuxo lugar e data están aínda por determinar.
Este concurso, promovido pola Axencia Europea GNSS, a Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais, é un certame internacional de innovación que premia as mellores ideas no desenvolvemento de aplicacións orientadas ao mercado e baseadas en tecnoloxías de navegación por satélite. A Zona Franca lembra que desde o seu inicio en 2004 a ESNC medrou até converterse nunha rede mundial de innovación e coñecemento con 18 rexións asociadas e máis de 200 expertos industriais e científicos de todo o mundo.
A novidade da edición de 2019 é un reto no cal se buscan solucións por medio de datos procedentes da observación terrestre combinados con datos xeorreferenciados Galileo/EGNOS.

PUBLICIDADE