A Zona Franca presenta o Top 25 das empresas intelixentes de Galicia

luns, 3 de maio do 2021 S. P.

O Consorcio de Zona Franca de Vigo presentou o venres pasado o Ranking Ardán de Empresas Intelixentes de Galicia 2020, un pormenorizado informe no que se identifica o Top 25 das firmas da nosa terra que están a liderar o proceso actual de transformación tecnolóxica, con todo o que iso implica (por exemplo a integración de recursos avanzados como Big Data, Machine Learning, Internet das Cousas ou cadea de bloques, entre outras moitas). Son, en palabras da Zona franca, as empresas que mellor combinan negocio e crecemento sustentábel.
O informe foi dado a coñecer polo delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, acompañado polo autor da investigación, o catedrático Xosé H. Vázquez; o director xeral e director comercial de Hermasa, Pablo Rodríguez e Adrián Carril; e a responsable de Ardán, Susana Lama.
Ardán denomina “empresas intelixentes” ás compañías que mellor combinan a súa capacidade de negocio coa de xerar no futuro “un medre económico sustentábel e inclusivo”. A selección inicial de empresas candidatas a participar no ranking está conformada polas 1.200 empresas galegas que presentan, en palabras dos autores, “un meirande valor engadido bruto por empregado sostido nos últimos 5 exercicios”.
Sobre o conxunto de empresas, sobresalientes no operacional, analízanse sete variables: rendibilidade financeira, investimento en I+D+i, índice de internacionalización, equilibrio de xénero, salarios medios, estabilidade no emprego e produtividade do carbono. A Zona Franca explicou que o resultado é “un ranking no que predominan empresas intensivas en coñecemento ou de tecnoloxía media, pero coas que tamén coexisten empresas en actividades tecnoloxicamente estábeis onde a innovación e a apertura a novos mercados marca a diferenza entre o novo e o tradicional; deste xeito pódense atopar empresas de software e d equipos electrónicos, químicas, farmacéuticas, ou metal-mecánicas, por exemplo, e doutra banda tamén empresas do sector da alimentación, a construción, o comercio, a pedra ornamental ou o pesqueiro.
As empresas intensivas en coñecemento ocupan un lugar destacado.
Son as seguintes:
Igalia, Marine Instruments, Mestrelab Research; Galchimia, CZ Veterinaria; Quantum Innovative, Hermasa Canning Technology.
Destacan tamén empresas de bens intermedios e tecnoloxía media, en xeral con participación simultánea en varias cadeas de valor: Howa Denko Carbon Spain, Rodicut Industry, Distevi, Actega Artistica, Generadores Europeos e Frimarte.
No informe saliéntase tamén a existencia dunha “tecnoloxía enxebre”, que é aquela reflicte fortalezas previas de Galicia en actividades tradicionais e tecnoloxicamente estábeis.
Frigoríficos de Camariñas, Alibos Galicia; Rs Motor Power Solutions, Atlas Bus; Kota Blue, Alumisel, Galicia Offshore Services, Cymel; Granitos Cabaleiro, Irmáns Galdo e Pesqueiras Breogán.

PUBLICIDADE