A aceleradora galega Zarpamos investiu até a data 380.000 euros en tres dos seus proxectos

venres, 28 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

JPEG - 194.5 KB
Manuel Garcia, impulsor da aceleradora galega de empresas TIC e de capital privado

En setembro de 2012 soubemos da posta en marcha dunha iniciativa que xa daquela pareceunos de proveito para as nosas empresas TIC. Estamos a falar de Zarpamos, aceleradora de firmas de capital privado posta en marcha por Manuel García e dirixida sobre todo a emprendedores TIC con proxectos de software. O de “proveito” vén a conto por varios motivos: pola experiencia de Manuel no sector (Oncurso, Gestko, Galicia en Coworking, España en Coworking, NikoNiko Mobile), polos obxectivos de formación e financiamento marcados (uns obxectivos firmes e visíbeis) e tamén polo músculo que lle está a saír, dun tempo a esta parte, ao sector das aplicacións.
Agora xa pasou case un ano e medio dende a posta en marcha da iniciativa e nós dende Código Cero quixemos saber cal vai sendo o rumbo. Falamos con Manuel García e confírmanos que os ventos son os axeitados. Dende o comezo. De feito, a nivel de empresa acadouse na primeira rolda de financiamento unha valoración de dous millóns de euros.
-Como está a día de hoxe Zarpamos? Podemos dicir que definitivamente se fixo honra ao seu nome? Ou sexa: zarpamos ou non zarpamos?
-Pois a verdade é que zarpamos con bos ventos. O comezo foi excelente, por enriba de obxectivos. A nivel de empresa, acadamos a nosa primeira rolda de financiamento, coa entrada dun novo socio, cunha valoración de 2.000.000 euros... Non está mal, que valoren Zarpamos nesa cantidade, logo dun ano de traballo. Consolidamos a estrutura da empresa, coa rede de partners, mentores a nivel internacional. Recentemente chegamos a un acordo en exclusiva cunha aceleradora de Israel, para traballar de maneira conxunta cos seus emprendedores e os nosos.
-Porque naceu Zarpamos? Foi porque viches que había empresas que precisaban axuda, porque te decataches da gran proxección futura do sector das aplicacións e dos servizos TIC ou por ámbolos dous motivos á vez?
-Zarpamos naceu da experiencia amoreada nos meus máis de 15 anos emprendendo, da oportunidade de ser a primeira aceleradora de Galicia, de capital privado, co apoio de 2 grandes socios que achegan valor a Zarpamos. Pero, sobre todo, porque estamos en Galicia, a nosa terra, un lugar con 3 universidades, centros tecnolóxicos e moito potencial. Quixemos ocupar ese baleiro que existía e, aos poucos, ímonos situando.
-Cantas iniciativas acelera neste intre a túa plataforma? Son todas galegas ou hai algunha de fóra?
-Actualmente temos 4 iniciativas, moi diferentes todas. Temos unha aplicación móbil, FanDanz, pertencente a Nacho Bagnato, arxentino e pai recentemente dunha nova galega, que está a 15 días de saír ao mercado. É unha aplicación que dará moito que falar, relacionada coa música e o baile, lanzarase inicialmente en México, onde Miguel Ángel Díaz de RedKaraoke é socio e mentor estratéxico. Outra é Kollectbox, un portal para coleccionistas, dun grupo de emprendedores portugueses (está en fase beta privada), sendo o seu mercado inicial o Reino Unido. En febreiro enviámolos a Londres, a un par de feiras, para falar e entrevistar aos seus posíbeis clientes. E a última en entrar é unha empresa de I+D+i, Leading Smart Health Technology, con produtos xa creados, moi potente, con gran proxección internacional, é a nosa gran aposta. Independentemente de onde sexan os emprendedores, as empresas constitúense en Galicia, o cal axuda a incrementar a riqueza da nosa comunidade, creación de emprego e inversións de capital.
-Xa sabemos que é complicado obter este dato, pero que cantidades (en canto a financiamentos) está a acadar Zarpamos, de media, para cada unha das iniciativas que acubilla? De onde proveñen sobre todo estes financiamentos?
-A cantidade investida até a data é de 380.000 euros en tres dos proxectos. É certo que non se investiu o mesmo en todos eles. Nun deles, o investimento que realizaremos en 5 anos é superior aos 900.000 euros. Os fondos proveñen de Zarpamos, é diñeiro privado.
-Cal é o xeito de traballar de Zarpamos? Supoñemos que recibides propostas e logo as analizades. Unha vez elixidas, xa vos poñedes a formar, asesorar e axudar na procura de investimento, non é así?
-Tentarei explicalo dun xeito doado: partimos de que é diñeiro privado, que vai á procura dunha rendibilidade alta. Que imos ao éxito, é dicir, apostamos polos emprendedores; se a empresa vai mal, non acada o solicitado, non gañamos pero tampouco pedimos nada ao emprendedor, só adicación exclusiva ao proxecto. Analizamos o equipo, o seu potencial, coñecemento e que sexa multidisciplinar; daquela o proxecto, a súa idea de negocio e finalmente analizamos o mercado. Logo temos un contrato que asinar. Unha vez está aceptado, comezamos a traballar, baixo modelo Lean Startup, o seu modelo de negocio, complementar necesidades, equipo. Formamos, pero sempre sobre o proxecto, non somos un centro de formación, aquí vénse a sacar unha empresa adiante, non a formar emprendedores. E por último, sacamos un produto e buscamos ter unha métricas que nos permitan presentar aos nosos “acelerados a investidores”... cos deberes feitos.
-Que previsións tedes para este ano que, coma quen di, acaba de comezar?
-Este ano debe ser o ano da nosa consolidación en Galicia. Sairán xa empresas e agardamos poder “desinvestir” nelas. O que nos permitirá volver investir noutras novas. Asemade, agardamos acadar beneficios este ano con Leading Smart Health Technology. Seguir medrando nas relacións internacionais e poder abrir ao terceiro ano unha nova Zarpamos, fóra de España, o país xa o temos seleccionado.
-Cóntanos algo máis de Leading Smart Health Technology...
-Pois estamos con esta iniciativa en fase comercial, a nivel internacional, cos principais fabricantes de dispositivos médicos, amais de abrindo novas liñas de investigación con investigadores galegos. Estou certo de que será o noso referente máis próximo, sen desprezar o resto de empresas, pero esta é a que por innovación e potencial no mercado, fará que sexamos un referente.
-Cres que en Galicia hai boas ideas en materia de servizos e ferramentas tecnolóxico-dixitais? Fáltanos algo, que nos falta? Pulo? Mellor posición xeográfica? Confianza? Colaboración?
-Galicia non se diferencia das demais en nada, nin mellores nin peores. Temos grandes profesionais, grandes talentos. Falta que nos esquezamos da herdanza vivida, da dependencia de institucións, da comodidade herdada. Emprender é moi duro, non é para todos, non se pode emprender nun intre no que a túa economía, non permite manter a túa estabilidade na casa. As empresas (refírome ás start-ups) non xeran beneficio, non hai un soldo inicial. Teñen que ter en conta que un emprendedor é un empresario que vai ver se hai beneficio, se existe. E sobre todo, cómpre que teñamos perspectivas globais no noso negocio. Galicia é a mínima parte do noso posíbel mercado, fóra complexos (ou que quede algún), non somos peores que os alemáns ou os americanos, pero tampouco mellores.
-Cres que os móbiles son a día de hoxe a principal plataforma para o lanzamento de novos proxectos emprendedores (na liña, por exemplo, de FanDanZ)?
-É evidente que é unha plataforma incríbel en consolidación e crecemento. Pero non é a plataforma axeitada para lanzar todos os proxectos. O de saúde, por exemplo, non pinta nada no móbil. É certo que existe un número enorme de usuarios, pero igualmente existe unha competencia brutal. Hoxe en día, non abonda, como moitos cren, con publicar unha app no store e agardar a ver que acontece. Isto é algo semellante a crer que se eu escribo unha nota nun papel e logo subo a un avión e lánzoa dende alí, vai caer enriba da persoa que elixira de antemán. As plataformas mudan: móbil, web, TV, papel, radio, pero en todas elas, o principal para vender, para triunfar na túa empresa, é a mercadotecnia... vende, vende, vende!
-Cal é o reto actual das start-ups neste mercado tan masificado? O descubrimento de nichos sen explotar (na liña de KollectBox)?
-O reto dunha start-up é facturar en cifras de abondo atractivas, para que os investidores estean interesados. Os negocios seguen estando nos nichos con competencia, os xa explotados, se non hai competencia non hai mercado. Hai que innovar no xeito de vender o teu produto, de chegar ao teu cliente, de achegar o que a túa competencia non está a facer. Innovación é o resultado de comercializar o labor previo de Investigación e Desenvolvemento. Solucións básicas, os negocios tradicionais levados ao ámbito online, aforrar tempo e diñeiro ao consumidor, son regras básicas para poder conseguir un produto apetecíbel. Kollectbox non é novo, é un nicho de mercado moi masificado, pero si está a traballar en descubrir o que os usuarios queren e non teñen.
-É certo que en maio tendes preparado un evento internacional sobre innovación con importantes ligazóns coa industria de Israel?
-Certo, durante os días 29 e 30 de maio, nace Galicia Innovation. Este evento está promovido pola Fundación Ronsel e con conta GlobalNovaTrade e Zarpamos en tarefas de organización. Na súa primeira entrega, os convidados serán os nosos partners de Israel, teremos mesas de debate onde sentaremos a estes expertos en innovación, internacionalización, financiamento, aceleración e transferencia de coñecemento israelí, ao carón de expertos galegos. Desde aquí convido a todos os grupos de investigación das universidades galegas, oficinas de transferencia, entidades públicas e privadas a poñerse en contacto connosco para participar. Ademais teremos unha cea para facer networking con eles e para rematar, o día 30 haberá un DemoDay para presentarlles os proxectos de Zarpamos, máis outros que seleccionaremos previamente e independentes a Zarpamos, a estes expertos investidores israelís e nacionais. Todo isto farase desde a propia web do evento, unha vez estea preparada.

PUBLICIDADE