A actualidade está sobrevalorada?
venres, 21 de marzo do 2025
A revista Luzes conta dende hai tempo cun podcast titulado A actualidade está sobrevalorada no que participan Xosé Manuel Pereiro, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Marta Otero Mayán, e que en pleno Entroido sorprendeu cunha gravación presencial no Vello Cárcere de Lugo, na que Lois Pérez Díaz cubriu a extraordinaria ausencia de Antón Losada. Quixemos aproveitar a ocasión para achegarnos ao mundo do podcasting e a esta curiosa iniciativa que parece chamada a consolidarse nun escenario no que os debates sobre a actualidade parecen unha especie en perigo de extinción.
– De onde xurdiu a idea de facer un podcast?
– Propúxonolo Ghanito, o editor. Ao principio, estábamos Ana Luisa, Antón e eu, porque pensabamos que ía a ser de política. – comenta Xosé Manuel Pereiro– Despois incorporouse Marta, na segunda tempada, e xa foi de todo.
– Faltaba frescura. – apunta Ana Luísa Bouza– Entón, incorporamos a Marta, que é o que lle aporta frescura ao podcast. Porque os demais somos boomers, somos bastante rollo explicando as cousas... Ela é a que dá unha visión fresca do asunto.
–Por que a actualidade está sobrevalorada? – pregunta Pereiro– Porque os nosos lemas na revista Luzes eran dous: A actualidade está sobrevalorada e o futuro é o papel. Por que vas inventar slogans a maiores cando xa os tes? E despois, Ana Luísa ten, como sempre, razón: a incorporamos por fresca!
– Non tiven opción, eh? – matiza Marta Otero Mayán– Estabamos nunha comida no Pazo de Mariñán...
– E dixo que si á primeira – interrompe Bouza.
– Porque non entendín moi ben o cometido. Incorpóraste ao podcast a semana que vén? Vale! E despois do primeiro capítulo entendín que tiña que ser todas as semanas e dixen: "Pois agora a ver como digo que o entendín mal" – explica Marta Otero entre risas.
– Sabedes como é o fluxo de lectores-oíntes. Dá o podcast visibilidade á revista ou é a revista a que leva oíntes ao podcast?
– Xa nos gustaría coñecer esa conexión, porque son dous universos que se relacionan a través das redes sociais, pero pouco máis – di Bouza– Como o podcast se publica en luzes.gal, aí si que hai una relación. E seguramente as visitas a luzes.gal si que teñen moito que ver cos oíntes do podcast. Pero como está en todas as plataformas, hai moita xente que se subscribe directamente na plataforma. É difícil saber.
– E por que pensades que a meirande parte dos medios tradicionais, que agora están no dixital, ignoran de xeito masivo un formato como é o podcast?
– Non é que o ignoren. Os medios mainstream aos que estou subscrito, porque pilláronme o correo electrónico no seu momento, bréanme con podcasts de todo tipo. – retruca Pereiro– Penso que é ao revés, porque o podcast é un medio barato, é un medio moi quente, segundo aquela definición de McLuhan que entendín ao revés. Eu penso que o único que tes que ter é ganas de contar cousas e é un medio moi accesible. Para producir contidos é un medio barato, Calquera que non sexa zarabeto ten un podcast en calquera medio.
–Ademais cada vez hai máis podcasts adscritos a medios. – completa Bouza– Incluso de medios do máis tradicional. Xa non as radios, que foron as que empezaron con isto, senón a medios máis tradicionais.
– Eu penso que houbo unha burbulla tremenda de podcasts, sobre todo na pandemia. – completa Otero– Todo dios tiña un podcast. Todos os medios apostaran polo podcast. Aí hai dous retos. Primeiro, mantelo no tempo. E despois, tampouco hai tanto podcast que aborde en poucos minutos política galega.
Quero dicir, que a política galega está tan influída por Madrid, Ayuso, Cataluña, os debates máis centralistas... Realmente está Actualidade, está o de Praza (que si que é de política galega), está OU ké!, está Carretando... evidentemente, non son estes únicos. Pero, como que falta esa esfera de opinión sobre temas eminentemente galegos e que abordan a actualidade galega. Eu ás veces voume un pouco actualidade coruñesa, pero por deformación profesional Penso que si que se está construíndo pouquiño a pouco ese nicho que é a actualidade de política galega que faltaba, se cadra, un pouco no podcast.
–En xeral a política galega falta no podcast e falta en todo. – matiza Pereiro–Porque política galega non hai. Axenda galega non hai. Hai as ocorrencias da consellería de sempre. Non hai debate político galego. En xeral, se queres facer análise de temas galegos, estás orfo completamente.
– Os podcasts parece que están a servir de refuxio para os debates da actualidade, cada vez menos presentes nos medios tradicionais. Que pasa agora cos debates, cos faladoiros, que non teñen visibilidade? Non interesan ao público ou son os medios os que non están interesados en que teñan visibilidade?
– Eu penso que son os medios os que non están interesados. – responde Pereiro– Hai una característica galega que é, de sempre, a tendencia de ser ben levados. É dicir, estas cousas de moito berrar, en Galicia, non. A tendencia é a ser ben levados. Penso que é unha característica, unha idiosincrasia nacional. Pero ademais, quen pode pagar a xente para que participe nos faladoiros, non lle interesa que haxa debate. En xeral non interesa o debate porque o debate é diversidade de opinión e cando hai diversidade de opinións sempre hai dous ou tres rabudos. E todos sabemos que os rabudos non cotizan.
– Eu tamén penso que o estado de opinión está un pouco monopolizado polas esferas dos propios partidos políticos. – sinala Otero– Entón, tampouco hai moitísima independencia. Ao final, son un pouco cámaras de eco. Se non impulsamos un debate sobre os temas da axenda galega dende os propios medios, aínda que sexamos alternativos, entón, quen vai debater? Os do Bloque? Cos do Bloque. Os do PP? Cos do PP. Os do PSdeG? Con ninguén! Porque agora mesmo non hai ninguén no PSdeG – comenta entre risas.
– Fíxate como, por exemplo, na Radiotelevisión de Galicia, os debates (que antes había debates na televisión e debates na radio) desapareceron da televisión, e agora televisan pola G2 debates nunha hora horrorosa. Foron desaparecendo da grella: primeiro da tele e despois das horas de maior audiencia. – reflexiona Bouza– Eu creo que si, que hai un interese incluso dentro do encorsetados que están os debates na tele pública galega, incluso hai un interese, non en dicir: "non os facemos". Si, si que facemos debates, pero na radio, na G2, e a unhas horas que non son de máxima audiencia.
– Se estás vendo un debate na G2 ás tres apañaches un problema! – chancea Marta Otero.
– Que plataformas pensades que poden servir para que os comunicadores poidan facer o seu labor agora? Redes sociais, blogs, diarios dixitais, libros, documentais, bailar en TikTok, preparar pezas de consumo rápido para adaptarse ó déficit de atención? Que é o que agora pode funcionar mentres vemos como as audiencias nos medios tradicionais están desaparecendo?
– Depende de que contidos queiras transmitir. Nós, por exemplo, en cuestión de bailes, podíamos ter audiencias masivas, pero penso que non é o noso. – sinala Pereiro– Agora os partidos están nesa liña, con contidos moi fragmentarios.
– Eu creo que conviven formatos moi diferentes e canles moi diferentes. Efectivamente, estes microvídeos que moitos comunicadores están lanzando en TikTok e comentarios que son breves... pero tamén nós, en Luzes, revista en papel, seguimos tendo seiscentos subscritores que seguen recibindo a revista na casa para poder ler con calma e reportaxes de calado e longas. – destaca Bouza– Creo que non hai un só formato. Tamén depende de a que lle chames éxito. Aquí non todo pode ser universal e ás veces o éxito é chegar a un grupo de público, que é o teu obxectivo. Eu creo que esa diversidade nos dá unha oportunidade aos medios tamén.
– Está claro que hoxe, o éxito masivo, cuantitativo, é efectivamente, TikTok, e os vídeos curtos. – indica Pereiro– Pero podemos poñer o exemplo de Twitter e Bluesky. Chegas a máis xente en Twitter? Si.
– Non. – corrixe Bouza– Hai máis público en Twitter? Si. A canta xente chegas? A canta xente che deixa chegar o algoritmo? Pois iso non o sabes.
–Efectivamente. A efectividade é distinta. De todas formas, son tempos líquidos – comenta rindo Pereiro– e, entón tes que experimentar moito, pero, de todas maneiras, tes que buscar o teu público. Amplialo, pero atender o teu público onde está.
– E que está a pasar co galego no podcasting? Por que hai tan pouca presenza de podcasts en galego? É un asunto de pouca produción? Falla a audiencia? Ou é que non hai conexión entre as dúas?
–Se me permitides aquí, teño unha opinión que non sei se estaredes de acordo. Seguramente non, porque o meu rol no podcast tamén é facer os disclaimers e chamalos boomers. – comenta en broma Marta Otero– Si que penso que hai uns anos houbo un boom de contido en galego na Rede en xeral e no podcast en particular, e en Instagram, nos Reels, en TikTok... hai moitas influentes galegas... pero había un problema, que para o meu gusto era demasiado autorreferencial. Era un pouco “imos falar en galego sobre o galego”. Non digo ideoloxizado: autorreferencial. Daquela faltaba un pouco esa normalización. Falar en galego de videoxogos, de paisaxismo... Faltaba darlle normalidade e que o podcast en galego non sexa sobre o feito de facer un podcast en galego.
Isto que na música si que se conseguiu e que é un éxito, que xa ninguén pregunta ás Tanxugueiras ou ás Fillas de Cassandra (como antes pasaba sistematicamente) “e por que en galego”? Xa ninguén pregunta iso. Iso é un éxito. Co resto de formatos penso que aspiramos a iso.
– Si. Iso é un pouco o tema de Luzes. – engade Pereiro– Luzes non é explicar Galicia. Luzes é una revista en galego que explica o mundo. Beirut, Afganistán, e tamén Galicia. É o que os galegos deberían saber do mundo, incluído, evidentemente, Galicia.
– E o podcast igualmente. – engade Bouza– Nós falamos de moitas cousas da Coruña, de moitas cousas de Galicia, pero tamén falamos de temas mundiais. Creo que hai un cambio na liña do que di Marta: o podcast se fai en galego, pero o escoita moita xente que non fala galego. A lingua non é un obstáculo para o público. Temos oíntes de fóra de Galicia.
– Por exemplo, nas anteriores eleccións, nas galegas, fixemos o podcast en vídeo para Público, e fixémolo en galego, presentado e moderado pola directora de Público e era en galego – completa Pereiro.
–Precisamente agora os de YouTube andan presumindo de que teñen mil millóns de espectadores de podcasts ao mes. Din espectadores, non oíntes. Non estamos a desvirtuar un chisco os medios con conceptos como o de ver a radio?
– Nalgún momento alguén propuxo que fixésemos o podcast en vídeo e eu negueime. – indica Ana Luísa Bouza– A experiencia de facelo con público é outra cousa, independentemente de que logo saia unha gravación. Pode ter sentido, pero eu creo que non aportaría (no noso caso) nada ao contido e incluso pode chegar a despistar.
– Pero hai unha cousa que si que é certo é que agora viralizan moi ben os podcast con imaxe. – apunta Marta Otero– De feito hai ata un formato en TikTok (non digo que sexa o noso caso), pero hai un formato en TikTok que é o falso podcast. É viralizar un fragmento de 20 segundos de alguén cun micro que non se ve se é un podcast ou non. O único que ves é unha persoa que non está mirando á cámara como se fose un podcast, dicindo, p. ex., a peor opinión do mundo para facer rage engagement. Se buscas o podcast, o podcast non existe, é simplemente unha performance polo vídeo. Si, que é certo que viraliza moi ben o tema do podcast en vídeo por anacos. Non sei se no noso caso funcionaría, particularmente porque non sei se hai unha esfera que viralizaría un clip de Pereiro, meu, ou de Antón Losada, dicindo que Rueda non quere aceptar a quita da débeda porque tal e tal. Non sei se é agora mesmo o formato no que nos movemos, pero penso que si que hai unha razón de ser no tema de facer o podcast con vídeo.