A administración Trump adía a devolución dos arenceis cobrados ilegalmente por limitacións nos seus sistemas informáticos

venres, 6 de marzo do 2026 Redacción

A Oficina de Aduanas e Protección Fronteiriza dos Estados Unidos (CBP) asegurou que actualmente non pode tramitar as devolucións derivadas dos aranceis impostos polo presidente Donald Trump debido a limitacións técnicas nos seus sistemas informáticos. Segundo indicou o director executivo da axencia, Brandon Lord, o sistema dixital de procesamento de importacións «non está ben adaptado para unha tarefa desta escala».
A situación prodúcese despois de que o Tribunal Supremo dos EE.UU. anulase o pasado mes os aranceis aplicados pola administración Trump ao abeiro da Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional (IEEPA). Esta semana, ademais, o Tribunal de Comercio Internacional determinou que as empresas afectadas teñen dereito a recibir a devolución das cantidades pagadas, incluíndo os correspondentes xuros.
Segundo os cálculos da CBP, a axencia recadou arredor de 166.000 millóns de dólares en dereitos asociados a estes aranceis ata o 4 de marzo de 2026. Varias compañías, entre elas Nintendo, FedEx e Costco, presentaron demandas contra o Goberno estadounidense ante o Tribunal de Comercio Internacional para reclamar a devolución deses importes, despois de que o Tribunal Supremo cualificase os aranceis de «ilegais».
A axencia explicou que actualmente procesa as importacións a través do sistema Automated Commercial Environment (ACE). Con esta infraestrutura tecnolóxica, o propio Brandon Lord advertiu que tramitar as devolucións correspondentes ás máis de 53,2 millóns de declaracións afectadas polos aranceis da IEEPA levaría máis de 4,4 millóns de horas de traballo.
A pesar destas limitacións, a CBP afirmou que confía en poder desenvolver novas funcionalidades tecnolóxicas que permitan «simplificar e consolidar as devolucións e os pagamentos de xuros a nivel de importador». A implementación destas capacidades podería tardar preto de 45 días.
Segundo explicou Lord «o proceso será máis sinxelo e eficiente que as funcionalidades actuais, e a CBP ofrecerá instrucións sobre como presentar as declaracións de devolución no novo sistema».