A alcaldesa de Redondela visita os campamentos dixitais organizados polo Concello

venres, 29 de agosto do 2025 S. P.

Mozos e mozas de entre 9 e 17 anos están a participar nos campamentos Aventuras Dixitais organizados pola concellería de Novas Tecnoloxías de Redondela. A experiencia está a resultar un éxito entre a rapazada que pode divertirse ao tempo que aprenden programación, robótica, ciberseguridade ou manexo de drons. A alcaldesa, Digna Rivas, visitou os campamentos e animou aos participantes a achegar as súas propostas para realizar futuras actividades no eido das novas tecnoloxías.
As mozas e mozos participantes, ademais de utilizar computadores e tabletas, tamén aprenden a empregar impresoras 3D, kits de robótica ou a facer programación, ademais de recibir formación teórica e práctica sobre ciberseguridade e IA, entre outros temas. A experiencia está a resultar un éxito entre a rapazada, segundo salientou o Concello, poñendo en valor a filosofía de “aprender xogando”.
A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, visitaron este xoves 28 a Aula CEMIT de Redondela onde se imparten estes campamentos de xeito gratuíto. Os participantes compartiron cos responsables municipais as súas experiencias e amosaron os robots que están a programar. A alcaldesa animounos a achegar as súas propostas e suxestións de cara a realizar futuras actividades dirixidas á mocidade no eido das novas tecnoloxías.
Os cursos, que se realizan ao longo de todo o mes de agosto, continuarán na primeira semana de setembro. A actividade está financiada polo Ministerio de Juventud e Infancia a través dos fondos da Unión Europea.