A alternativa a Twitter de Meta verá a luz o xoves

martes, 4 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Meta leva meses traballando nunha alternativa a Twitter chamada Threats, que hai pouco deixouse ver na tenda de aplicacións de Google e agora tamén ten ficha na App Store estadounidense, confirmando que o seu lanzamento é inminente, probablemente para aproveitar a actual crise de Twitter, na que os límites impostos aos usuarios poden provocar unha fuxida en desbandada.
O lanzamento da nova aplicación nos EE.UU. estaría programado para o vindeiro xoves ás 16:00, descoñecéndose polo momento se chegará tamén a España de lanzamento, aínda que unha chegada progresiva sería bastante previsible e non debería provocar preocupación aos usuarios de cara a facerse cun nome de usuario atractivo, xa que Threads empregará a conta de usuario de Instagram, o que é a principal vantaxe desta futura plataforma social, pois non parte de cero, senón que conta cunha base de usuarios que multiplicaría por catro a de Twitter.
Nos últimos meses saíron moitas alternativas a Twitter, sen conseguir ningunha unha base de usuarios mínima para ser relevante, pero Meta conta con grande vantaxe para poder facer fronte á plataforma de Elon Musk, como ten demostrado no pasado en Instagram ao copiar a Snapchat coas historias e a TikTok cos Reels.
Resulta bastante curioso que Elon Musk fixese un comentario irónico sobre o lanzamento de Threads e o feito de que un dos argumentos desta nova plataforma é que funcionaría con sentidiño, desprezando o feito de que a dirección arbitraria de Twitter é un grande problema para usuarios, desenvolvedores, profesionais e anunciantes.

PUBLICIDADE