A analítica web, as redes sociais e WhatsApp Business centran os novos obradoiros de SmartPeme+

luns, 5 de maio do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta primeira semana de maio seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+, centrada na transformación dixital de persoas autónomas, pemes e profesionais en xeral. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 5 e o xoves 8 de maio e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a analítica web, o deseño gráfico e ferramentas como WhatsApp Business, Instagram e LinkedIn.
Este luns 5 celebrarase o obradoiro telemático Google Analytics para a toma de decisións, a partir das 12.00 horas. Nel abordarase a analítica web como unha práctica fundamental para coñecer se o que sucede no sitio web da empresa está aliñado cos seus obxectivos de negocio, para medir o comportamento dos usuarios e transformar os datos recollidos en coñecemento co que tomar mellores decisións de negocio. Será impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión, con preto dunha década de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 6, en formato telemático ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro IA - Como facer prompts correctos. As persoas participantes aprenderán a dominar a Intelixencia Artificial creando indicacións precisas, nun obradoiro no que van descubrir técnicas avanzadas, como evitar erros comúns e explorar aplicacións prácticas. O obradoiro será impartido por Manuel Tornos, asesor da oficina de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC, experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías, e as inscricións pódense realizar no formulario dispoñíbel.
Tamén o martes, en formato presencial na oficina de Cambados ás 17:00 horas, desenvolverase o obradoiro Deseña facilmente imaxes impactantes e profesionais. Os participantes aprenderán a deseñar sen ter coñecementos de ferramentas de deseño profesional, familiarizándose coa terminoloxía e usando ferramentas en liña para realizar imaxes. Será impartido por Jose Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar no formulario achegado pola Deputación.
O mércores 7 realizarase o obradoiro telemático Linkedin para empresas, ás 12:00 horas. Os asistentes poderán coñecer esta rede social e o seu funcionamento para sacarlle proveito, abordando cuestións como a creación de redes de contacto, as páxinas de empresa ou técnicas de posicionamento dentro da plataforma. As inscricións pódense realizar no seu formulario e será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgrao en Comunicación Corporativa.