A animación por ordenador e os drons centran novos campamentos de verán
luns, 18 de xuño do 2018
A Xunta de Galicia amplía a oferta de
actividades de lecer e formación dirixidas á mocidade para esta tempada estival
coa organización de dous novidosos campamentos centrados no fomento das
vocacións tecnolóxicas. Esta acción, enmarcada, no Plan de Promoción do Talento
Dixital de Galicia (Digitalent 2020) que está a desenvolver a Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), engádase á programación da
Campaña de Verán 2018 que impulsa a Dirección Xeral de Xuventude, Participación
e Voluntariado da Consellería de Política Social.
Precisamente, o conselleiro José Manuel Rey
Varela, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira Álvarez, veñen
de asinar o convenio de colaboración para o desenvolvemento destes novos
campamentos de educación non formal que terán como sede as instalacións do
Albergue Xuvenil de Gandarío, situado no municipio coruñés de Bergondo. En
concreto, estas novas accións denomínanse Vídeo
Mapping. Fai visible o que levas e A
vista de paxaro. Primeiros pasos con drons, de 20 prazas cada un e que se
celebrarán do 1 ao 8 de setembro.
Na primeira destas dúas propostas, os
participantes poderán coñecer os principios necesarios para crear animacións de
vídeo, e mediante o emprego de ferramentas informáticas serán quen de crear as
súas propias composicións e compartilas cos seus compañeiros, mesmo con
proxeccións nocturnas no propio albergue. Pola súa banda, na segunda, os mozos
e mozas achegaranse aos fundamentos que permiten a creación, o control e voo
dun dron.
Aos mozos e mozas que participen
facilitaráselles aloxamento no albergue de Gandarío durante as sete noites que
dura o campamento, manutención completa o material preciso para o
desenvolvemento do programa de actividades establecido.
O obxectivo da oferta de accións de verán da
Xunta é que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando
en actividades de educación non formal moi diversas: culturais, deportivas,
ambientais, de voluntariado ou, como é o caso, de carácter tecnolóxico. Trátase
de que a xente nova se divirta ao mesmo tempo que se fomenta o seu
enriquecemento vital e persoal.
Por outra banda, estimular o talento precoz no
ámbito TIC e fomentar o talento vocacional das profesións
científico-tecnolóxicas desde idades temperás é tamén un obxectivo prioritario
da Xunta, recollido na Axenda Dixital de Galicia e que se materializa en
actuación como o Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado
pola AMTEGA.