A apertura das votacións XXIII Premios Mestre Mateo constata o impulso do audiovisual galego nas plataformas
venres, 10 de xaneiro do 2025
A Academia Galega do Audiovisual abre hoxe o período de votacións para escoller as finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo. As académicas e académicos poderán votar nesta primeira volta entre as candidaturas inscritas para a vixésimo terceira edición dos Mestre Mateo, que celebrará a súa entrega de premios nunha gala que terá lugar en Lalín o vindeiro 15 de marzo.
Esta edición bateu récord de candidaturas inscritas tanto nas categorías de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes.
A Academia lembra que a categoría de longametraxe mantén o récord do ano pasado de dez inscricións e “dá conta da boa saúde do audiovisual galego”. Os filmes inscritos están recoñecidos por prestixiosos festivais internacionais como o Festival Internacional de Cinema de Róterdam, o Festival Internacional de Cinema de Málaga, o Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Festival Internacional de Shanghái, a Seminci, Márgenes, etc.
As categorías de programa, curta de imaxe real e curta de animación bateron tamén o récord de participacións. As series de televisión manteñen a súa tendencia á alza e incrementan inscricións con respecto aos dous últimos anos, con producións estreadas na CRTVG e en plataformas como Netflix, Movistar Plus e Prime Video.
A Academia salienta tamén que “máis da metade das producións inscritas teñen a súa versión orixinal en galego, o 68,6%, o que supón un incremento de máis de tres puntos con respecto aos datos da pasada edición”.
Nas categorías profesionais hai un total de 536 inscritos dos cales 320 (un 60%) son homes e 216 (un 40%) son mulleres. As categorías que aglutinan o maior número de candidaturas son montaxe con 72 participantes, guión con 65, e interpretación masculina de reparto con 44.
Neste primeiro prazo de votación, que estará aberto ata o 27 de xaneiro ás 12:00 horas, as académicas e académicos elixirán as candidaturas finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo. Unha vez anunciadas, abrirase un segundo prazo de votación para elixir ás gañadoras que se darán a coñecer na gala de entrega de premios, que terá lugar o 15 de marzo no Lalín Arena, unha das citas máis importantes para a cultura galega.