A aplicación Cardi@ngel estréase en Ribeira

venres, 4 de abril do 2025 S. P.

Ribeira converteuse na mañá do xoves no primeiro concello galego adherido a Cardi@ngel, un proxecto tecnolóxico pioneiro para tecer unha rede de voluntarios capacitados en facer reanimación cardiopulmonar (RCP). Nun acto aberto ao tecido asociativo local, empresarios, Policía Local e Protección Civil, Jesús Velasco, director técnico da nova firma innovadora Cardi@ngel, explicou os detalles dunha iniciativa que ten como lema “as túas mans poden salvar unha vida”.
Engadiu que os veciños e veciñas de Ribeira poden descargar a aplicación para Android e para iOS e a través dela os usuarios, no caso de necesitaren axuda urxente, poden lanzar unha petición de auxilio cun só clic no seu dispositivo móbil. Esa petición chégalles aos usuarios @ngel, que reciben a alarma e a través do xeolocalizador saben quen a envía e onde está exactamente.
“Os primeiros minutos son fundamentais para salvar unha vida e as ambulancias moitas veces non chegan a tempo”, explicou Jesús Velasco, que puxo en marcha esta iniciativa “tras perder a un bo amigo por un infarto”.
Engadiu que nas vindeiras semanas as asociacións e colectivos de Ribeira recibirán formación en RCP, co obxectivo de que a rede de usuarios @ngel sexa o máis grande posíbel. De feito, xa hai sesións de formación pechadas para a próxima semana, coa colaboración da Policía Local de Ribeira. Os veciños interesados en formarse, só teñen que descargarse a aplicación e seguir o apartado de News.
Vicente Mariño, primeiro tenente de alcalde de Ribeira, amosou a súa confianza “en que Cardi@ngel sexa un éxito”, mostrando o seu orgullo “por ser un concello pioneiro nun proxecto que pode salvar vidas nos casos de infarto”.
A startup Cardi@ngel foi premiada recentemente pola súa innovación social en saúde nos premios nacionais DKV Impacta.