A aplicación Emerxia de Lalín xa rexistrou 120 comunicacións

venres, 22 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Exterior da casa do concello de Lalín

O Concello de Lalín vén de facer balance do acadado pola súa ferramenta Emerxia, unha aplicación de mapeo que achega á cidadanía a posibilidade de colaborar activamente no mantemento da vila e da súa contorna, comunicando incidencias e avisos para, tamén, regulamentar e ordenar este vieiro de participación. Emerxia, logo de seis meses activa, xa rexistrou un total de 120 comunicacións.
Este e outros datos foron achegados polo tenente de alcalde do Concello, Nicolás González Casares, quen puxo o foco na “utilidade” da aplicación dixital, enmarcada na estratexia Lalín Ssuma 21 para transformar o concello pontevedrés nun concello smart e, polo tanto, mellor xestionado e comunicado e máis sustentábel e participativo.
Casares, que animou a toda a cidadanía a empregar a ferramenta Emerxia, recordou tamén que esta ten o seu acubillo en liña no portal https://www.emerxia.gal/lalin. Por outra banda, fixo saber que das 120 emerxencias rexistradas polos usuarios a través do dito sitio en liña,, máis da metade estiveron relacionadas con problemas no servizo de alumeado público: concretamente foron 62 os avisos que se produciron por esta cuestión, o que representa o 51,6 % do total. Desta cifra, Casares explicou que 58 foron resoltos, 3 se atopan en trámite de resolución e 1 permanece asignado ao servizo correspondente.
Polo que se refire ás incidencias relacionadas cos prestación do servizo do lixo foron 16 (13.3%). Neste caso, 10 xa foron resoltas, 4 atópanse en trámite e 2 están asignadas ao departamento.
Pola súa banda producíronse 3 avisos referentes a xardinería dos que 1 está resolto e os outros en trámite de selo. Tamén se produciron outros 3 relacionados co subministro de auga e os saneamentos, atopándose igualmente cada un nunha fase diferentes de intervención. Doutro lado, recibíronse 18 avisos encaixados na categoría de outros onde se atopan, principalmente, aqueles relacionados con obras, fochancas etc. Neste caso 9 foron resoltos, 5 están en trámite e 4 asignados. Por último, Emerxia recibiu outras 18 comunicacións que non se poden clasificar como emerxencia e que en boa parte son propostas e suxestións varias dos usuarios, que nestes casos, sinalou o edil, “son trasladadas ao departamento correspondente para tratar de darlles unha resposta o antes posíbel.

PUBLICIDADE