A aplicación HoloHolo chega a España para converter as cidades no escenario dun xogo colectivo
luns, 17 de setembro do 2012
Coñecer fisicamente unha cidade implica, para
moitos aspectos, coñecela tamén virtualmente. En realidade, xa apenas
concibimos visitar un sitio sen previamente facer uso das novas tecnoloxías.
Hoxe toca falar de visitarmos un sitio mentres facemos uso das novas tecnoloxías.
Isto, e cousas como facer dunha excursión turística urbana unha aventura, é no
que consiste HoloHolo, unha proposta de
Echoboom para converter cada móbil no que antano, nas xeiras lúdicas
adolescentes, eran os walkie-talkies.
Ou sexa, na peza comunicativa clave dunha gincana
polos sitios máis emblemáticos dunha cidade. O
emprazamento elixido para a estrea da aplicación é Madrid, aínda que xa hai
outras cidades sumándose á iniciativa, sinala Echoboom.
En detalle, estamos ante un xogo baseado na
posición (xeolocalización) exacta na que se encontra o usuario, e co engadido, para
os que unha simple visita a un emprazamento físico lles saiba a pouco, de que “combina ficción e realidade”. De feito,
HoloHolo é quen de interactuar cos personaxes-usuarios e segue o argumento da
historia proposta. “En cada zona, o
participante debe resolver adiviñas ou completar retos ligados á trama da
historia para poder desbloquear os capítulos seguintes da narración”,
explican polo miúdo os responsábeis da aplicación, e engaden acerca do que nos
agarda a continuación: “Ao facer isto,
estaremos a descubrir outros espazos, visitando lugares coñecidos pero a través
dunha perspectiva diferente”.
A primeira historia proposta é A Xoia da Menina, e ten como
emprazamento Madrid, co Rei Felipe IV de España caendo na conta de que alguén
quere roubar unha prezada xoia da Familia Real, cousa que o usuario deberá ir
desensarillando. O único requirimento é o de ter instalada no móbil a aplicación
que se pode descargar nas tendas online de
Android
e de Apple.