A aplicación Nintendo Vídeo achega contidos audiovisuais tridimensionais á Nintendo 3DS

mércores, 13 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Este verán, os posuidores dunha Nintendo 3DS terán un motivo máis para levar a súa consola de vacacións, xa que poderán gozar de todo tipo de vídeos en 3D e 2D tanto nas súas casas coma nas súas viaxes, grazas á nova aplicación Nintendo Vídeo, dispoñible de balde a partir de hoxe mesmo na Nintendo eShop.
A aplicación Nintendo Vídeo permitirá aos usuarios recibir a través de SpotPass, directamente na súa consola e sen ter que buscalos, unha selección de vídeos de distintos temas, entre os que se inclúen clips de humor, debuxos animados e vídeos musicais, superando a eiva dos poucos contidos 3D dispoñibles polo momento para a nova consola portátil de Nintendo.

Así loce a aplicación Nintendo Video</Em> nas Nintendo 3DS xaponesas

Ademais de aproveitar a conexión sen fíos a Internet que os usuarios teñan nas súas casas, a función de SpotPass fai uso tamén dos hotspots ou puntos de acceso Wi-Fi públicos para enviar contidos gratuítos ás consolas, o que levou a Nintendo Ibérica a chegar a acordos cos operadores Movistar e GOWEX, que proverán Wi-Fi de balde ás Nintendo 3DS dende os seus puntos de acceso públicos en España (tanto para as descargas de contido como para xogar en liña).
Nada máis instalar a aplicación Nintendo Vídeo poderá gozarse da obra de fotógrafos españois do talle de Joan Fontcuberta, Manuel Queimadelos, Ouka Leele ou José B. Ruiz nunha mostra das fotografías en tres dimensións que realizaron usando unha Nintendo 3 DS para a exposición itinerante Dimensiones by Nintendo 3DS que dende este xoves e ata o 24 de xullo estará na Fundación Nova Caixa Galicia de A Coruña. Tamén comezará a recibirse episodios seleccionados de Oscar’’s Oasis, unha serie de debuxos animados producida por TeamTO & TUBA, que poderá ser vista por vez primeira en 3D na consola Nintendo 3 DS. A empresa D4D, especialista en 3D, tamén produciu unha serie de episodios exclusivos de Magic Tricks para Nintendo 3 DS, que traerán á palma da túa man todo o entretemento dos trucos de cartas clásicos e as ilusións ópticas en tres dimensións. Proximamente chegarán máis contidos audiovisuais á consola, como avances de películas, concertos de música clásica, animacións para nenos e moito máis, todo en 3D.

PUBLICIDADE