A aplicación de Gemini permitirá programar tarefas

venres, 6 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Google deu un paso máis na evolución da súa aplicación Gemini, introducindo unha nova funcionalidade que permite programar accións para que a IA execute tarefas automaticamente segundo as necesidades do usuario. Anunciada no Google I/O, esta mellora busca facer de Gemini unha ferramenta máis persoal, proactiva e potente.
Coas accións programadas, os usuarios poden optimizar tarefas rutineiras ou recibir actualizacións personalizadas. Basta con pedirlle a Gemini que realice unha acción a unha hora concreta ou converter unha instrución habitual nunha tarefa recorrente. A xestión destas accións faise desde a sección correspondente dentro da configuración da aplicación.
Agora, por exemplo, é posible espertar cada día cun resumo da axenda e dos correos electrónicos non lidos, recibir todos os luns cinco ideas para publicar nun blog, manterse ao tanto do rendemento do equipo deportivo favorito ou pedir un resumo dunha gala de premios o día seguinte da súa celebración. Abonda con indicar que se necesita e cando, e Gemini encargarase do resto.
Esta funcionalidade está a espallarse entre os usuarios de pagamento de Gemini.