A aplicación de Meta AI ten serios problemas de privacidade
venres, 13 de xuño do 2025

- Algunhas das conversas en Meta AI compartidas polos usuarios (recollidas por TechCrunch)
O lanzamento da aplicación independente de Meta AI está a converterse nun quebracabezas de privacidade para milleiros de usuarios nos países nos que está dispoñible. Desde finais de abril, cando a compañía de Mark Zuckerberg puxo en circulación esta nova ferramenta de intelixencia artificial, multiplicáronse os exemplos de persoas que, de forma involuntaria, están a facer públicas as súas conversas privadas coa IA.
A aplicación permite aos usuarios compartir as súas interaccións coa IA cun simple clic, pero moitos non son conscientes de que esas publicacións (que inclúen textos, audios e imaxes xeradas) fanse públicas de xeito predeterminado se se emprega unha conta aberta en redes sociais. Así, sen decatarse, centos de persoas están a publicar consultas sobre temas íntimos, legais ou comprometidos, desde como redactar unha carta de apoio para alguén acusado de delitos financeiros ata preguntas sobre problemas de saúde ou solicitudes relacionadas con evasión fiscal.
O problema da nova aplicación de Meta AI reside na súa concepción, pois aposta por converter as interaccións cun chatbot nun novo formato de contido social, sen ter en conta os riscos inherentes á exposición pública da información persoal. A ausencia de advertencias claras sobre as condicións de privacidade e o feito de que moitos usuarios non comprendan que están a publicar nun espazo accesible a calquera contribúe a un escenario caótico e perigoso.
En España a aplicación de Meta AI, polo momento, limítase a ser unha versión co nome cambiado de Meta View, a aplicación para empregar as lentes Meta Ray-Bay, polo que este pesadelo para a privacidade aínda non se produce no noso territorio.
