A aplicación de Xbox para Android adía a posibilidade de mercar xogos

xoves, 28 de novembro do 2024 Marcus Fernández

O mes pasado a presidenta de Xbox, Sarah Bond, asegurou que a partir de novembro prevían que fose posible que a aplicación de Xbox para Android permitise comprar e xogar aos títulos de Xbox, xa que Google tiña que permitirlles tal opción tras unha resolución xudicial, pero o mes está a rematar e a grande actualización da aplicación de Xbox segue sen chegar, o que levou a Bond a matizar que iso era así polos atrancos que está a pór Google.
Sarah Bond matiza que Google conseguiu un aprazamento da sentenza, polo que non é posible introducir as novidades que prevía Xbox, e que incrementaban seriamente as opcións dos xogadores, que tiñan así opcións sobre como queren comprar e gozar dos videoxogos.
A presidenta de Xbox concreta que os cambios da aplicación de Xbox xa están listos para o seu lanzamento, polo que agora só resta agardar á execución da sentenza xudicial para que se produza un cambio radical no xeito de poder adquirir xogos, pois poderemos mercar xogos de consola dende o móbil, sen ter que pagar comisión a Google e, ademais, no caso de estar subscritos a Game Pass Ultimate, tamén poderemos gozar dos xogos comprados a través da nube, polo que podería verse como un xeito indirecto de ter xogos para dispositivos móbiles, deixando ao fabricante do sistema operativo fóra do negocio.