A aplicación de Xbox para Windows 10 xa permite gozar do xogo na nube

luns, 9 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O servizo de Cloud Gaming de Xbox, lanzado inicialmente para dispositivos Android e levado logo a navegadores web para ampliar o seu alcance, estrea hoxe a posibilidade de que os participantes no programa Insider poidan gozar dos xogos en streaming directamente dende a aplicación de Xbox para Windows 10, co que conséguese un mellor rendemento que vía web.
Os subscritores de Xbox Game Pass Ultimate poden así acceder a un completo catálogo de xogos que, aparte de poder instalarse na súa consola Xbox, poden xogarse directamente dende o ordenador (e outros dispositivos) de contar cunha boa conexión á Rede.
Esta modalidade de xogo na nube non só abre os xogos a dispositivos diferentes a consolas, senón que tamén resulta moi práctica ao contar con tempos de carga reducidos e non precisar de tempos de instalación e actualización, de xeito que a experiencia de xogo é practicamente instantánea, algo que se agradece nun momento no que os xogos chegan a ocupar ducias de GB polo que a súa descarga e instalación pode resultar un proceso demasiado pesado cando simplemente se desexa probar un título ou botar unha partida ocasional.
Para poder gozar dos xogos en streaming a través da aplicación de Xbox temos que contar cun mando compatible (USB ou Bluetooth) e polo momento limítase aos usuarios inscritos no programa de Insiders para poder probar a fondo este novo xeito de gozar dos xogos na nube antes do seu lanzamento xeral a todos os usuarios.

Novos xogos en Xbox Game Pass

Estes días tamén están a ampliar o catálogo de xogos para os subscritores do Game Pass, e o pasado día 5 puidemos recibir Curse of the Dead Gods, Dodgeball Academia, Katamari Damacy Reroll, Lumines Remastered, Skate, Skate 3 e Starmancer; o día 12 chegará Art of Rally; o día 13 será o momento do agardado Hades e, finalmente, o 17 de agosto poderase gozar en PC de Microsoft Solitaire Collection: Premium Edition.

PUBLICIDADE