A aplicación do BBVA para iPhone por fin permite pagar mediante NFC

xoves, 23 de outubro do 2025 Marcus Fernández

BBVA anunciou o lanzamento de BBVA Pay, unha nova funcionalidade integrada na súa aplicación móbil que permite realizar pagamentos sen contacto en dispositivos Apple mediante tecnoloxía NFC, sen depender de servizos de terceiros como Apple Pay. Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración con Visa, sitúa a BBVA como o primeiro banco europeo en ofrecer un moedeiro dixital de seu plenamente operativo en iOS.
A solución, que se irá despregando progresivamente entre os clientes en España, busca reforzar a seguridade e o control das transaccións ao manter toda a información persoal e financeira dentro do ecosistema da aplicación móbil bancaria.
Ata o momento, os usuarios de iPhone só podían realizar pagamentos móbiles a través de Apple Pay. Con BBVA Pay, BBVA amplía as opcións dispoñibles, promovendo un entorno máis aberto e competitivo (grazas á aplicación da lexislación europea). A funcionalidade ofrecerá tamén vantaxes adicionais como promocións exclusivas e novas ferramentas de xestión financeira. Cómpre lembrar que o BBVA xa permitía o pagamento mediante NFC dende móbiles Android dende 2013.