A aplicación do sistema de bicicletas eléctricas da USC chega aos mil usuarios

luns, 5 de agosto do 2024 S. P.

O programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas éBiCi USC rexistrou dende o seu inicio no mes de abril preto de 1.000 persoas usuarias e realizou máis de 2.500 préstamos de bicicletas ao conxunto da comunidade universitaria. Ademais, a valoración do programa e da aplicación móbil que lle serve de sustento é “moi positiva” ou “positiva” entre máis do 96% das persoas que botaron man deste servizo, segundo a USC.
O xerente Javier Ferreira e mais o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, deron a coñecer os datos correspondentes a esta primeira etapa da iniciativa. Segundo informaron, unha vez rematada esta fase piloto, a intención da USC é consolidar e ampliar a oferta estábel tanto de bicicletas como de estacións de cadeado para o cal “será preciso contar co apoio da administración, tanto local como autonómica”.
Comentaron que “máis do 73% das persoas usuarias non experimentaron ningunha incidencia á hora de usar este servizo de préstamo, mentres que as que si sufriron algunha realizaron maioritariamente unha valoración positiva ou moi positiva tanto do tempo de resposta, como da atención recibida, como da resolución da incidencia”. Tal e como se evidenciou no acto, de entre as persoas participantes nesta fase piloto, máis do 84% foron estudantes. No relativo ao reconto, a estación da Biblioteca Concepción Arenal foi a que rexistrou máis préstamos de bicicleta tanto como estación de orixe, como de destino.
Sistema de préstamo
A USC puxo en marcha en 2024 este programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas na capital de Galicia para a comunidade universitaria coa colaboración do Concello compostelán que, mediante sinalización específica, creou un percorrido que conecta os campus da cidade mediante unha vía de convivencia para bicicletas e outros vehículos. Neste momento o programa conta con dez bicicletas eléctricas que empregan unha batería cunha autonomía de entre 60 e 80 quilómetros. Cada dispositivo dispón dunha batería extra para facilitar a substitución e carga centralizada en dependencias diferentes ás estacións, asegurando o seu bo manexo, así como a correcta carga das mesmas, cuestións que afectan de xeito directo na súa vida útil e desempeño. Así mesmo, éBiCi USC está dotado con catro estacións instaladas, dando servizo cada unha delas a dez dispositivos (cadeados).
éBiCi USC baséase nunha aplicación que facilita ás persoas usuarias a interacción co sistema. A través dela, as e os usuarios poden rexistrarse, consultar as bicicletas que hai en cada parada así como os cadeados libres, informar de incidencias e consultar información sobre o programa de préstamo. Ademais, a USC tamén puxo a disposición do programa piloto o persoal do Parque Móbil da Universidade cunha furgoneta adaptada para mobilizar bicicletas e encargarse de atender as incidencias ocorridas no horario do servizo, así como levalas a reparar, revisar diariamente o estado das baterías e cambialas cando estas teñen unha carga inferior ao 30-40%. Tamén dan asistencia aos usuarios cando se produce algunha avaría entre paradas, chegando a recoller as bicicletas no lugar onde se produza a incidencia.
A USC engadiu que neste cuadrimestre “testouse o funcionamento do sistema, a intensidade de uso das bicicletas, a duración e distancia dos percorridos empregados, cales son os puntos de recollida máis demandados e mesmo a validez das bicicletas adquiridas coa intención de adaptar a oferta real do servizo ao que demande a comunidade universitaria”.