A aplicación dos Orzamentos Participativos de Lugo xerou máis dun cento de propostas viábeis

luns, 19 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo vén de facer balance do acadado a través da súa iniciativa de implicación pública cidadá, materializada a través dos seus Orzamentos Participativos e, tamén, da aplicación do proxecto, dispoñíbel en https://loop.lugo.gal/ e desenvolvida, como sinalamos este mesmo verán en Código Cero, pola empresa tecnolóxica SIVSA. Segundo fai saber o Goberno local, a aplicación recibiu máis de 6.100 visitas dende a súa posta en marcha, saldándose coa implicación activa de máis de 600 lucenses.
Amais, no conxunto do proceso presentáronse 237 propostas de investimento, das que 107 foron viábeis, trala análise do equipo técnico municipal encargado da súa verificación e estudo.
A concelleira Rosana Rielo, ao fío destes datos, fixo unha valoración moi positiva deste proceso de participación cidadá e democracia directa, que promoveu, nas súas palabras, “que a veciñanza pasara de observadora a protagonista activa do que ocorre en Lugo”.
Segundo fixo saber, as propostas elixidas finalmente como gañadoras diríxense, principalmente, aos eidos de emprendemento, servizos sociais e deporte. Asemade, salientan as ligadas ao Mercado e á Praza de Abastos e outras “apostando por un espazo público máis amábel”.
Estes e outros datos foron dados a coñecer hoxe pola concelleira ante os medios de comunicación e a cidadanía, na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías. Segundo lembrou a edil, o gran obxectivo dos Orzamentos Participativos foi vencellar á cidadanía co desenvolvemento do municipio. Asemade, fixo saber que o Concello executará 28 propostas aportadas e escollidas polos veciños e veciñas, cunha inversión de 350.000 euros.
No que se refire á aplicación posta en marcha para os Orzamentos Participativos, que sustentou todo o proxecto, Rielo sinalou que tivo un papel moi destacado para impulsar o afianzamento de Lugo como unha cidade máis aberta e máis participativa, ao tempo que abeirada ás novas metodoloxías de interacción política, de Administración Electrónica, de Goberno Dixital e de cidades smart.

PUBLICIDADE