A aplicación móbil PassCOVID estrearase o vindeiro sábado

xoves, 15 de outubro do 2020 Redacción

O presidente Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, a posta en marcha desde o vindeiro sábado da aplicación PassCOVID, unha canle de contacto telemática cos cidadáns para facilitar a xestión da pandemia. Este novo instrumento de apoio na loita contra a pandemia, que ofrece un contacto directo cos cidadáns, complementará á aplicación móbil estatal RadarCOVID, ofrecendo outras funcionalidades grazas á colaboración voluntaria dos cidadáns.
Así, en primeiro lugar, PassCOVID ofrecerá información actualizada da situación da pandemia en Galciia, coa opción de seleccionar o concello que lle interese ao usuario para consultar as restricións e medidas vixentes nese momento. E comunicará sobre as alertas, os avisos e as recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da COVID-19.
En segundo lugar, e se o usuario foi identificado como contacto estreito ou diagnosticado con COVID-19, este poderá informar a través da aplicación móbil aos seus contactos estreitos, facilitando así o labor dos rastrexadores. Ademais, poderá rexistrar aqueles establecementos onde estivera mediante o uso dun código QR específico, dispoñible en cada local para este fin.
A maiores, esta nova aplicación ofrecerá tamén acceso a ferramentas do Servizo Galego de Saúde para o seguimento da enfermidade en pacientes que se atopan nos seus domicilios; así como acceso ao rexistro de viaxeiros para aquelas persoas que chegan á Comunidade procedentes de zonas de alta incidencia do virus.

PUBLICIDADE