A app Orcinus xa rexistrou 150 avistamentos de candorcas en medio ano de actividade
mércores, 7 de xuño do 2023
A
conselleira do Mar, Rosa Quintana, estivo este mércores en Muros
para, entre outras cuestións, facer un balance da actividade xerada
pola aplicación móbil autonómica destinada a rexistrar (e reducir)
as interaccións con candorcas na navegación. Segundo fixo saber, a
ferramenta acubillou 150 albiscamentos en medio ano de funcionamento.
Ademais,
engadiu a conselleira, a app Orcinus ten máis de 2.700
usuarios rexistrados de preto de 40 países diferentes. Todas as
xeolocalizacións contabilizadas destes animais sitúanse ao sur de
Lisboa pola súa dinámica de movemento
Quintana
tamén recordou que esta ferramenta, desenvolvida e xestionada polo
Bottlenose Dolphin Research Institute do Grove, incorporou melloras
froito das suxestións dos usuarios como o incremento do radio máximo
para recibir notificacións de presenza de candorcas.
A
titular de Mar, que na súa visita a Muros estivo acompañada pola
presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e polos
representantes das asociacións náuticas ASNAUGA, Mariñas de
Galicia e Northmarinas, explicou que o feito de as xeolocalizacións
se rexistraran ao sur da capital portuguesa débese “á propia
dinámica de movemento das colonias destes cetáceos, que nos meses
de inverno atópanse en zonas máis próximas ao estreito de
Xibraltar pola procura de alimento e non adoitan desprazarse á costa
de Galicia ata os meses estivais, como ocorreu cos avistamentos e
interaccións rexistradas nos últimos exercicios”.
Rosa
Quintana destacou ademais algunhas das melloras realizadas na
aplicación ou novas funcionalidades que facilitan o seu uso froito
das suxestións dos usuarios. Entre elas, incrementouse de 50 a 100
quilómetros o radio máximo para recibir notificacións de presenza
de candorcas e desenvolvéronse melloras para facer compatible a
aplicación con varios sistemas operativos de telefonía móbil
utilizados tamén noutros países.
En
canto á utilidade de Orcinus, a titular de Mar salientou que
está a “ser empregada por unha grande parte de grupos de
investigación que levan a cabo mostraxes sobre candorcas, tanto en
Galicia como en Portugal e no Estreito de Xibraltar”. Deste xeito,
subliñou, “apórtase información precisa sobre a presenza dos
diferentes grupos de cetáceos, complementaria á aportada polos
usuarios particulares, o que fai de Orcinus unha ferramenta de
grande utilidade para colectivos como os náuticos, dos máis
afectados pola presenza de candorcas”, dixo.
A
aplicación está dispoñíbel para descarga, entre outros sistemas
operativos, tanto en versión Android como IOS (os máis utilizados
en España) e permite rexistrar en tempo real a presenza de candorcas
así como compartir esta información co conxunto da comunidade
usuaria da aplicación. Deste xeito informa dos avistamentos ao
momento, así como dos rexistrados nas semanas previas á consulta,
facilitando ao navegante datos para unha mellor planificación da súa
travesía.
Para
iso, calquera usuario pode darse de alta na aplicación e
xeolocalizar avistamentos de candorcas na parte do mundo na que estea
a navegar. Eses rexistros son verificados polos responsábeis do
mantemento da aplicaicón que se descarga de xeito automático no
idioma no que está configurado o dispositivo do usuario e que
emprega os mapas de Google do mesmo xeito para darlle carácter
internacional.