A app galega Pilgrim inviste 400.000 euros para ampliar mercado

mércores, 1 de agosto do 2018 Redacción

Entre as iniciativas tecnolóxico-turísticas máis salientábeis da tempada hai sen dúbida presenza galega. Por exemplo a iniciativa Pilgrim, posta en marcha polos emprendedores galegos Lara Castelo e Roberto Fraga, que están a impulsar un proxecto para poñer as cousas máis doadas ás persoas que fan o Camiño (ou, mellor dito, os Camiños). Pilgrim, con base en Compostela, vén de investir 400.000 euros para facer mercado fóra da nosa terra. A firma foi posta en marcha en 2016 como axencia de viaxes para peregrinos e como fornecedora de tecnoloxías para todas as entidades e persoas implicadas nos roteiros xacobeos.
A devandita ampliación de capital irá destinada, como dixemos, á internacionalización da empresa e á optimización dos recursos cos que conta Pilgrim para coñecer ao seu usuario potencial: o peregrino. Ou sexa, para ter información detallada das súas demandas e necesidades. Neste sento, Pilgrim avanza directa cara o subministro de servizos personalizados, poñendo o foco en proporcionar datos e ferramentas para que os viaxeiros poidan planificar o mellor posíbel a súa andaina.
Todo isto está a materializarse na web www.pilgrim.es, unha páxina que mellora cada ano coa experiencia adquirida e coa retroalimentación fornecida polas persoas que visitan a nosa terra. A idea básica é facer con ferramentas dixitais móbiles que os viaxeiros que veñen do estranxeiro se sintan coma na casa.
A app de Pilgrim, de feito, favorece aos peregrinos (en tempo real) cousas como carrexar os obxectos persoais, verificar se o albergue ou hotel requirido ten vacantes ou dar conta de calquera punto de interese turístico (paisaxístico, arquitectónico, gastronómico) que haxa na súa contorna.

PUBLICIDADE