A arquitectura de seguridade na nube de Netskope, máis preto das empresas galegas da man de Plexus

martes, 11 de xaneiro do 2022 S. P.

A arquitectura SASE (Secure Access Service Edge), tecnoloxía baseada na nube que ofrece servizos de rede e seguridade destinados a protexer a usuarios, aplicacións e datos (blindándoos e achegándolles funcionalidades de rede e seguridade precisas malia non estar aloxados nin operar en redes corporativas), estará máis preto das empresas galegas. O motivo? A formalización de Netskope, líder da arquitectura SASE, como integrante da familia de partners da empresa compostelá Plexus Tech.
“A transformación dixital é un proceso imparábel e en Plexus Tech buscamos para os nosos clientes o equilibrio entre velocidade e protección das infraestruturas de comunicación, unha visión compartida con Netskope”, explican dende a firma galega, engadindo que con “esta colaboración complétase o catálogo de solucións de seguridade adaptándonos á realidade actual na que lla seguridade das redes na nube é fundamental”.
En concreto, explican, a tecnoloxía de Netskope permitirá ás empresas e entidades adoptar estratexias de seguridade na nube centradas nos datos facendo seguimento deles alá onde vaian, integrando estas estratexias no seu ecosistema tecnolóxico e dixital. En definitiva, os usuarios estarán en disposición de reforzar a seguridade desde calquera lugar, dispositivo e aplicación onde se atopen os traballadores e a información.
Plexus lembra que Netskope utiliza unha das redes de seguridade máis grandes e rápidas do mundo, obtendo como resultado unha seguridade rápida, flexíbel e con ampla capacidade de adaptación. Permite integrar de forma nativa varios servizos como CASB (Cloud Access Security Broker), Cloud Firewall ou Secure Web Gateway (SWG) de nova xeración e acceso privado para ZTNA nunha única plataforma.

PUBLICIDADE