A asistente virtual para maiores Serenia, mellor emprendemento 2025 en Pont Up Store

luns, 22 de setembro do 2025 S. P.

Este sábado 20 de setembro ao mediodía entregáronse os premios ás mellores iniciativas empresariais desta 12ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store. Como cada ano, o comité organizador foi o encargado de valorar e seleccionar as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades. A gran triunfadora foi a ferramenta tecnolóxica Serenia. No plano tecnolóxico-dixital tamén obtivo un recoñecemento o software DigHY.
Ao acto asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica do Concello de Pontevedra; David Regades Fernández, delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Rafael Domínguez Artime, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; José Luis Ramírez Matos, director de zona Pontevedra Metropolitana de Abanca; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store xunto a unha representación do comité organizador.
A asistente virtual para coidar e entreter a persoas maiores Serenia conseguiu facerse co premio ao mellor emprendemento e tamén co premio na súa categoría englobada no sector das TIC e as Novas Tecnoloxías. Segundo lembrou o xurado, a empresa de Moaña, Serenia Solutions SL enfoca as súa innovadora solución tecnolóxica a ofrecer acompañamento e entretemento ao mesmo tempo que monitoriza distintos aspectos da saúde, como a ansiedade, a depresión ou o deterioro cognitivo, a partir das conversas. “As interaccións cos usuarios son supervisadas pola IA na procura de posibles indicios de problemas de saúde cognitiva ou emocional ofrecendo así un valioso servizo de prevención e coidado da saúde”, salientaron dende a organización.
Dentro dos premios concedidos aos proxectos de cada modalidade, foi recoñecida a cooperativa Contando Ouvellas no apartado de Turismo, Ocio e Benestar. Esta empresa con base en Vigo fabrica é a responsable da marca MiAlma, que se dedica ao deseño e fabricación de colchóns e produtos relacionados co descanso, ofrecendo solucións personalizadas a medida para campers e tamén camas para mascotas.
Pola súa banda, o espazo de arte vigués Sepia Art Shop foi recoñecido como proxecto destacado no ámbito da Formación, Educación, Arte e Cultura, pola súa proposta enfocada a elaboración artesanal de pastillas de acuarela innovadoras coma son as metalizadas ou de cores neón que reaccionan baixo a luz UV e tamén de cadernos feitos a man para técnicas húmidas. Ademais comercializan accesorios complementarios para a pintura con acuarelas como pinciñas, pinceis, ou botes herméticos para auga, co obxectivo de que as persoas podan pintar viaxando.
Na área da Comunicación, Deseño Gráfico e Eventos a organización premiou á pontevedresa Borneo, unha axencia creativa e produtora audiovisual formada por profesionais de xeración Z e Millenial dedicada á produción de publicidade, ficción e documental, así como á música e organización de eventos que está desenvolvendo unha longametraxe documental e un ciclo de sesións de música en directo e saúde mental que se celebrará en próximas datas en Pontevedra.
Pola súa banda, a empresa de Pontevedra Tergo destacou no ámbito das Enxeñarías cunha carteira de servizos profesionais de drons na que se inclúen servizos de voo, venda de equipos DJI Enterprise e formación especializada para pilotos.
Na modalidade de Deseño de Moda, Complementos e Decoración recibiu o premio a marca de bolsos de coiro artesanal Enxebre, que comercializa desde Pontevedra creacións inspiradas en Galicia, na nosa cultura, nos nosos costumes e nas mulleres.
Por último, en Alimentación e Restauración fíxose co premio a empresa de Lugo PROA2 Health co seu produto PROA2 Care, un leite de inicio para lactantes elaborado con leite 100 % A2 procedente de vacas galegas das razas Holstein e Jersey en réxime de pastoreo, cunha formulación innovadora mellora a dixestibilidade e achega a composición da fórmula á do leite materno. Esta composición, cun perfil lipídico e un glóbulo graxo de mellor calidade, mantense grazas a un tratamento térmico adaptado que minimiza as alteracións da materia prima. Adicionalmente, intégranse ingredientes premium seleccionados a partir de investigacións previas do equipo da USC, como probióticos e subprodutos valorizados da industria láctea.
Ademais, o software Dighy, dedicado ás empresas do sector do hidróxeno e dos combustibles renovables resultou vencedor na rolda de financiamento do Pont-Up Venture. A consultora AtlantHy, con sedes en Vigo e en Madrid, que traballa desde 2021 no sector do hidróxeno renovable, da captura de carbono e da produción dos combustibles sintéticos, presentou ante o xurado DigHY, unha ferramenta dixital para avaliar proxectos de hidróxeno, metanol e amoníaco de forma rápida e precisa, realizando simulacións de diferentes proxectos e configuracións que permite ás promotoras e construtoras de novas infraestruturas deseñar e dimensionar plantas de produción de hidróxeno e simular o seu comportamento técnico e económico para avaliar o rendemento en función do deseño e da localización. O xurado da Pont-Up Venture decidiu recoñecer a DigHY “polo seu baixo risco de investimento e a alta escalabilidade do seu modelo de negocio, ademais do impacto social e ambiental do hidróxeno como sistema de enerxía”.
Visitas institucionais ao recinto
Ao longo da mañá o Pont-Up Store recibiu a visita do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, que percorreu o recinto feiral e participou na actividade As cooperativas inspírannos, organizada pola Rede Eusumo da Xunta de Galicia para celebrar o Ano Internacional das Cooperativas mediante a creación dun mural colectivo dirixido polo artistia Héctor Pichel para reflectir os valores do cooperativismo. Tamén pasou polo recinto o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades Fernández, e do concelleiro e portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra, Iván Puentes, para facer un percorrido polos stands e actividades do encontro para coñecer os emprendementos participantes 12ª nesta edición.
O encontro Pont-Up Store está organizado desde a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, na que se integran 220 empresas que se foron sumando ao longo das 11 edicións celebradas, co patrocinio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, a Universidade de Vigo como impulsora do evento e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través do Igape e das áreas de Emprego e Igualdade, Abanca, R e Zona Franca de Vigo, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das iniciativas empresariais máis relevantes.