A asociación inclusiva Ambar lanza plataforma de comercio electrónico co apoio de CONGALSA
mércores, 1 de outubro do 2025
CONGALSA, empresa especializada en solucións de alimentación con sede no polígono da Tomada, e a Asociación Cultural Ambar, entidade que desde hai máis de 40 anos traballa na comarca do Barbanza para promover a autonomía, a independencia e a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional, puxeron en valor as diferentes iniciativas desenvolvidas conxuntamente nos últimos anos. Fixérono a través dun encontro celebrado este 1 de outubro, onde anunciaron que intensificarán a súa colaboración a través do apoio da empresa ao novo portal de comercio electrónico que a asociación acaba de poñer en marcha.
A través desta tenda online, as persoas internautas interesadas poderán adquirir unha ampla gama de produtos artesáns elaborados polas persoas usuarias de Ambar. “No marco da nosa política de responsabilidade social corporativa, apoiamos aquelas iniciativas que favorecen o desenvolvemento comunitario nas contornas onde realizamos a nosa actividade”, sinalou Isabel Cañas, directora de Relacións Externas de CONGALSA durante a súa visita ás instalacións da entidade inclusiva en Frións, Ribeira, onde engadiu que “o labor de Ambar reflicte de maneira exemplar os nosos valores corporativos de respecto polas persoas, traballo en equipo ou actitude positiva”.
Estreita colaboración
Desde hai anos, a firma pobrense CONGALSA e a Asociación Ambar colaboran en diferentes iniciativas que poñen de manifesto o seu compromiso compartido coa inclusión. Integrantes da empresa apoiaron a carreira pola diversidade organizada pola asociación, mentres que persoas usuarias da asociación participaron activamente na andaina solidaria que cada ano impulsa a compañía.
Así mesmo, a empresa apoiou a presentación do calendario solidario da asociación, e membros de Ambar formaron parte do xurado do concurso de adobíos do Nadal promovido pola firma especializada en alimentación.
Ambas as entidades tamén uniron esforzos en 2023 para visibilizar o papel da muller no ámbito laboral e social. Con motivo do Día Internacional da Muller, usuarias de Ambar entregaron a membros do persoal de CONGALSA plantas conmemorativas, un xesto simbólico que puxo en valor a xornada do 8 de marzo.
Na reunión conxunta celebrada este mércores 1 de outubro, na que participaron Isabel Cañas, xunto á responsable adxunta do seu departamento, Irene Souto, e a presidenta de Ambar, Milagros Rey, púxose de relevo o recoñecemento da asociación á empresa pobrense polo seu compromiso ao acoller nas súas instalacións a traballadores con diversidade funcional en prácticas.
Impacto positivo e duradeiro
Esta traxectoria de iniciativas conxuntas reflicte unha relación sólida baseada no respecto mutuo, a inclusión e a responsabilidade social. A colaboración entre CONGALSA e Ambar é “unha viva mostra de como a unión entre o tecido empresarial e o asociativo pode xerar un impacto positivo e duradeiro na súa contorna máis próxima”, sinalaron.
Unha ferramenta clave para a autonomía
A nova plataforma de comercio electrónico é unha ferramenta clave para a autonomía, que visibiliza o talento e as creacións das persoas usuarias de Ambar. A través desta ferramenta dixital, as persoas usuarias de Ambar dan un paso fundamental no seu apoderamento, presentando e vendendo directamente ó público unha ampla gama de produtos artesáns elaborados por elas. “Este portal non só xera oportunidades de desenvolvemento, senón que tamén mostra e reivindica seu talento e a súa capacidade de contribución á comunidade”, destacaron Ambar e CONGALSA.
