A aula CeMIT de Boiro combate o confinamento con cursos de teleformación

luns, 23 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías e as infraestruturas de conexión e capacitación permiten que a formación dixital siga adiante, aínda que, por mor do COVID-19, non de maneira presencial. Así o entenden dende a aula CeMIT do Concello de Boiro, que teñen entre mans varios cursos de teleformación para “todos aqueles usuarios que desexen unha formación alternativa online”. Estas actividades formativas a distancia vanse realizar desde a plataforma teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).
O Concello explica que para poder participar nestes cursos, as persoas usuarias deben estar rexistradas na Rede CeMIT e que as as actividades máis destacadas do catálogo son “os cursos de Administración Electrónica, de trámites electrónicos en Internet, de xogos de adestramento mental, de comercio electrónico, de mercadotecnia en redes ou de vendas no muro”.
Desde a aula CeMIT do Concello de Boiro estase tamén a traballar por elaborar unha programación audiovisual-formativa vía streaming. Deste xeito, explican, “as usuarias e usuarios poderanse seguir formando en novas tecnoloxías desde as súas casas mediante as clases online”.

PUBLICIDADE