A autoridade alemá de competencia cre que Apple realizou prácticas ilegais
xoves, 13 de febreiro do 2025
O Bundeskartellamt, organismo alemán responsable da regulación da competencia e dos dereitos dos consumidores, enviou á Apple (ás oficinas de EE.UU. e ás de Múnic) a súa avaliación xurídica preliminar sobre o App Tracking Transparency Framework (ATTF) de Apple, que dende abril de 2021 obriga aos provedores que ofrecen aplicacións na App Store de iOS a obter un consentimento adicional dos usuarios antes de acceder a determinados datos con fins publicitarios.
O organismo alemán salenta que os requisitos estritos do ATTF só se aplican aos provedores de aplicacións de terceiros, non á propia Apple, o que consideran que podería estar prohibido segundo as disposicións especiais de control de abuso para grandes empresas dixitais da Lei Alemá de Competencia (GWB), polo que ofrecen agora a Apple a oportunidade de comentar as acusacións.
Andreas Mundt, presidente do Bundeskartellamt, declarou que: "Apple opera un ecosistema dixital integral que, a través dos seus numerosos servizos e dispositivos conectados, a App Store e o Apple ID, dálle un acceso amplo aos datos dos usuarios relevantes para a publicidade. Apple utiliza algúns destes datos para ofrecer espazos publicitarios personalizados na súa App Store, xerando ingresos significativos. A publicidade personalizada tamén é de grande importancia comercial para outras empresas que desexan ofrecer aplicacións gratuítas, algunhas das cales compiten cos propios servizos de Apple dentro da App Store. Isto é especialmente relevante para os moitos provedores que, a diferenza de Apple, non dispoñen dunha gran cantidade de datos detallados sobre os usuarios. Porén, o ATTF fai que sexa moito máis difícil para os editores de aplicacións competidores acceder aos datos dos usuarios relevantes para a publicidade”.
Mundt engade que “é fundamental que os usuarios poidan tomar unha decisión libre e informada sobre se desexan ou non permitir o uso dos seus datos para publicidade personalizada. A cuestión clave aquí é se Apple pode aplicar criterios máis estritos a outros provedores que a si mesma á hora de solicitar o consentimento dos usuarios. Segundo a nosa valoración preliminar, isto podería constituír un trato desigual e unha autopreferencia, o que está prohibido pola lexislación de competencia".
O procedemento do Bundeskartellamt está a desenvolverse en estreita cooperación coa Comisión Europea e outras axencias nacionais de competencia que tamén están a examinar o ATTF nos seus propios procedementos nacionais de competencia.