A aventura gráfica galega Saucer-Like chega a Steam Greenlight

venres, 18 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A editorial viguesa independente Fosfatina, especializada en banda deseñada e fanzines, atrévese a entrar no mercado dos videoxogos, para o que promove unha aventura gráfica titulada Saucer-Like que vén de dar un paso moi importante para facilitar a súa publicación: estrearse en Greenlight, plataforma da tenda en liña Steam que permite dar a coñecer proxectos en desenvolvemento para que, se contan co favor do público, saian á venda na principal plataforma dixital de xogos para PC.
Este xogo point and click leva un longo desenvolvemento ás súas costas, xa que optou por unha proposta artística moi artesanal, con máis de 40 fondos pintados a man e animacións 2D estilo animación xaponesa, o que dálle un carácter único onde a narración xoga un papel moi importante. Saucer-Like conta a historia de Yanagi, un mozo que esperta unha mañá sabendo que terá que enfrontarse ao día máis transcendente da súa vida, xa que terá que tomar unha decisión que suporá a unión ou separación do seu clan para sempre, mentres que o resto dos habitantes da vila teñen que facer o mesmo. A banda sonora composta por Xavi Núñez tamén contribúe a crear unha ambientación que axuda a introducirse nesta fábula animista.
Ten previsto ver a luz a primeiros do ano que vén, con textos en español, inglés, alemán, francés e ruso, sendo preciso un pequeno pulo por parte dos usuarios de Steam para que esta produción do animador José Garnelo (que hai poucas semanas falou deste traballo nunha mesa cadrada organizada dentro do FKM na Coruña) e o programador Nicolas Casal poida estar ao alcance dun amplo público global entre os que non faltan os amantes das aventuras gráficas e das creacións nas que a expresión artística sexa un alicerce.

Tráiler de Saucer-Like

PUBLICIDADE