A axencia en liña Miramar Cruises, PEME do ano da Coruña
xoves, 18 de outubro do 2018
Miramar
Cruises, axencia de viaxes en liña especializada na venda de
cruceiros, vén de obter un novo recoñecemento que
sumar ao primeiro Premio CEL-Abanca ao Emprendemento na Provincia de
Lugo, que reflectimos en Código Cero en 2016 salientando os
principais motivos do galardón: a traxectoria emprendedora de
Miramar Cruises, o seu carácter innovador, a súa capacidade de
xerar emprego e riqueza e a súa vocación de internacionalización.
Agora, a empresa galega vén de ser enxalzada polo Banco Santander e
as Cámaras de Comercio de Santiago e A Coruña, en colaboración coa
Cámara de España e o xornal La Voz de Galicia. Estas entidades
outorgáronlle o Premio PEME do Ano 2018 da Coruña.
O
acto de entrega do galardón, que este ano chegou á súa segunda
convocatoria, celebrouse hoxe na sede da Cámara de Santiago e contou
coa presenza do seu presidente, José Sierra; o director xeral da
Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz; o deputado provincial
de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José
Luís García; a directora territorial de Banco Santander, Rosario
García Alonso; a subdirectora de Desenvolvemento Corporativo de
Cámara de España, Beatriz Martín; e o director de La Voz de
Galicia, Xosé Luís Vilela.
O
xurado valorou especialmente de Miramar Cruises unha serie de méritos
para alzarse con este premio: a súa achega á creación de emprego
no pasado ano (en concreto en relación ao emprego indefinido); as
accións de internacionalización realizadas en 2017 (con especial
interese á evolución das exportacións e investimentos exteriores)
coa apertura de novos mercados e exportación de novos produtos; as
iniciativas no ámbito da innovación e a dixitalización; e as
actividades de formación organizadas pola empresa para os seus
traballadores o pasado ano.
No
acto tamén se lembrou que, amais dos ditos recoñecementos, Miramar
Cruises tamén foi distinguida polas mellores axencias en liña de
Europa e polas navieiras máis importantes do sector cruceirista
mundial, como Royal Caribbean, MSC Cruceros ou Costa Cruceros. Tamén
se recordou que a axencia galega está conformada por un equipo de 20
persoas, de carácter multidisciplinar e con ampla experiencia no
sector turístico en xeral, e no segmento dos cruceiros marítimos en
particular.
O
director xerente da empresa, Hugo Iglesias Docampo, foi o encargado
de recoller o premio, agradecendo a distinción e salientando que
Miramar Cruises é “actualmente líder do seu sector”, con vinte
traballadores e presenza internacional, chegando a embarcar xa a
30.000 persoas en cruceiros.
Concesión
de tres accésits á internacionalización, innovación e formación
Ademais
do Premio PEME do Ano 2018 da Coruña, nesta edición concedéronse
tres accésits. O accésit de Internacionalización outorgouse a
Gairesa, unha empresa do sector químico, situada en Fene (Ferrol),
referente en formulación e fabricación de resinas epoxi,
poliuretanos e pinturas arquitectónicas.
O
accésit de Innovación e Dixitalización recaeu en Mecanizados
Acebrón, empresa situada nas Pontes e centrada en solucións de
fabricación, incluíndo a fabricación completa de conxuntos e
subconxuntos mecánicos, probas de calidade, pre-montaxes, mantemento
industrial e reparacións. Os principais sectores da empresa son o
sector enerxético, o aeroespacial, o portuario e o de bens de
equipo.
Por
último, o accésit á Formación e o Emprego concedeuse a Cofrico,
compañía situada na parroquia de Guísamo, en Bergondo. Cofrico
naceu en 1985, e desde entón deseña e mantén instalacións de
refrixeración industrial e comercial, climatización industrial e
comercial e hostalaría industrial.