A axenda do emprego autónomo pon o foco no impulso das empresas tecnolóxicas
martes, 5 de setembro do 2023
Na
tarde
este luns 4 de setembro celebrouse unha nova xuntanza da Mesa do
Emprego de Autónomo, presidida pola conselleira de Promoción de
Emprego e Igualdade, Elena Rivo. Na mesa abordáronse os detalles da
Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun
orzamento superior aos 200 millóns de euros. No arranque do
encontro, Rivo salientou a relevancia do colectivo “para a economía
e para a riqueza de Galicia”, sendo a comunidade cun maior peso das
persoas traballadoras autónomas (un 19,96% fronte ao 16,07% do
conxunto do Estado).
Rivo
apostou por “seguir avanzando” e “consolidando a rede de apoio
ao colectivo, que este ano supuxo por parte da Xunta de Galicia
axudas directas por valor de 30 millóns de euros”, dixo, poñendo
o foco nunhas axudas que se poden solicitar ata o 29 de setembro.
En
concreto, aínda están abertas as convocatorias para impulsar o
inicio de actividade por conta propia (12 millóns), para consolidar
e mellorar a competitividade de negocios que leven polo menos 42
meses de actividade empresarial (8 millóns), para contratar ata o
terceiro traballador (1,3 millóns), para favorecer a conciliación
(1 millón) e para impulsar empresas cualificadas como Iniciativas de
Emprego de Base Tecnolóxica -IEBT- (500.000 euros). Tamén, dixo, “é
posíbel solicitar aínda as axudas por 7 millóns de euros dirixidas
a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades da economía
social para cubrir investimentos en equipamento informático,
eficiencia enerxética, reformas de locais ou de mobiliario”. No
seo da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, trataranse -ademais
destes apoios de 2023- os previstos para o ano que vén.
Para
acompañar ás persoas autónomas no seu camiño emprendedor, a Xunta
de Galicia ten en marcha a maiores a Rede de polos de emprendemento e
apoio ao emprego, coa que se pretende “dinamizar o territorio a
través da creación de emprego de calidade e do asentamento da
poboación”. Esta Rede, que ten actualmente oito polos en marcha
nas catro provincias, está a prestar asesoramento individualizado ás
persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu
proxecto empresarial, de principio a fin.