A axuda do Kit Dixital, dispoñíbel para comunidades de bens, explotacións agrarias e sociedades civís

luns, 11 de setembro do 2023 S. P.

As comunidades de bens, explotacións agrarias de titularidade compartida e sociedades civís con actividade mercantil e profesionais poderán solicitar a axuda de Kit Dixital a partir deste martes 12 de setembro. Trátase dun bono dixital habilitado pola entidade estatal Red.es e dispoñíbel (a partir das 11 horas deste martes a través da sede electrónica da dita entidade) para entidades que teñan menos de 50 empregados.
Coma nas anteriores convocatorias, a axuda diferenciarase atendendo a ese dato: segmento I (entidades entre 10 e menos de 50 empregados), segmento II (entidades entre 3 e menos de 10 empregados) e segmento III (entidades entre 0 e menos de 3 empregados).
Na nova convocatoria que se publicou o pasado 22 de xullo no BOE (PDF) detállanse os requisitos para solicitar as axudas, as obrigas que contraen os beneficiarios, os importes máximos de axuda por cada categoría de solucións de dixitalización, a xustificación, o pago e control da implantación das solucións, entre outras materias importantes.
Esta convocatoria conta cun orzamento inicial de 100 millóns de euros ampliábeis e ten por finalidade “a mellora da competitividade e do nivel de madurez dixital das entidades anteriormente mencionadas”.
O prazo para presentar as solicitudes manterase aberto ata o 31 de decembro de 2024.
O bono dixital poderá ser de 12.000€, 6.000€ ou 2.000€ en función do tamaño da entidade solicitante, que poderá consultar tamén na web de Acelera Peme o catálogo de axentes dixitalizadores. A entidade beneficiaria deberá seleccionar un ou varios axentes dixitalizadores cos que desenvolver as solucións de transformación tecnolóxica que mellor se adapten ás necesidades do seu negocio e subscribir os acordos de prestación de solucións de dixitalización. Actualmente o catálogo está formado por máis de 10.700 axentes.
Como novidade nesta convocatoria, as entidades ás que se dirixe terán que cumprimentar un formulario único independentemente do segmento (I, II ou III) ao que pertenzan. Será Red.es quen realice, tras recibir a solicitude, as verificacións necesarias para comprobar en que segmento sitúase cada entidade solicitante.
Ata a data, o programa Kit Dixital concedeu preto de 280.000 axudas o que supón que ao redor de 1.300 millóns de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation EU chegaron ás pemes españolas para implantar solucións básicas de dixitalización.
Converteuse, en palabras de Red.es, no “programa de axudas á dixitalización de pemes máis demandado da historia de España”.
Baixo o lema Cero papeis Red.es deseñou un sistema de tramitación “moi innovador”, usando ferramentas de robotización e Intelixencia Artificial automatizado que “reduce a carga burocrática, diminúe o número de documentos a presentar e acurta os prazos de concesión”, explican dende a entidade estatal, engadindo que cada empresa poderá solicitar a axuda sen achegar documentación algunha. “Será suficiente con que o empresario autorice a Red.es a consultar de oficio os requisitos e obrigas requiridas para obter a condición de beneficiario, salvagardando a transparencia e seguridade xurídica”, sinala Red.es, destacando que outra das innovacións do programa é a figura do “representante voluntario” que permite que calquera terceiro, sexa persoa física ou xurídica, debidamente autorizada, poida pedir a subvención por conta da empresa eliminado trámites á peme.
Kit Dixital é un programa de axudas do Gobierno de España, xestionado por Red.es, que ten como obxectivo “promover a dixitalización de pequenas empresas, microempresas e autónomos, así como doutras entidades como comunidades de bens, explotacións agrarias de titularidade compartida e sociedades civís profesionais e con obxecto mercantil, para contribuír a modernizar o tecido produtivo español”.
O programa está dotado cun orzamento total de 3.067 millóns de euros, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.

PUBLICIDADE