A banda larga non será un servizo universal a medio prazo

xoves, 13 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O secretario de Estado de Telecomunicacións, Francisco Ros, declarou que a universalización da banda larga non estará regulada pola Lei de Medidas de Impulso da Sociedade da Información en trámite actualmente, de xeito que haberá que agardar a que a Comisión Europea defina exactamente o que é a banda larga e as condicións da súa inclusión.
A Comisión Europea xa rexeitou o pasado mes de abril a inclusión da banda larga e a telefonía móbil dentro da relación de servizos universais, principalmente polo alto custo que tería nos países con maior dispersión da poboación e complicada orografía, cuestión da que parece que sabemos moito en Galicia, onde a banda larga continúa a ser un privilexio que non está ó alcance de todos.
Polo momento, Durão Barroso, presidente da Comisión Europea, anunciou que na vindeira primavera se proporá que o 30% dos europeos teñan acceso á banda larga antes de 2010, o que está lonxe da declaración da mesma coma servizo universal coma xa son a auga, a luz, a telefonía fixa ou o saneamento.
Na actualidade se estima que a banda larga pode chegar ó 96% da poboación, e se agardan que a finais de 2008 esa porcentaxe chegue ó 98%, pero a proporción de habitantes non se corresponde co de poboacións, xa que é nos pequenos núcleos dispersos onde está o problema en chegar, e para o que hai varios plans en marcha para paliar tal situación que abre unha fenda dixital entre o rural e o urbano.

PUBLICIDADE