A base AirPower de Apple podería estar en fase de produción

luns, 14 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

En setembro de 2017, ao presentarse os iPhone 8/8 Plus/X, dado que incorporaban carga indutiva, anunciouse tamén que ao longo de 2018 porían á venda a AirPower, unha base de carga sen fíos que permitiría cargar varios dispositivos á vez achegando información sobre o estado da carga dos distintos trebellos ao iPhone, pero finalmente o produto non veu a luz, xurdindo rumores que apuntaban a problemas de sobrequecemento do cargador.
Aínda que durante meses a AirPower figuraba como un accesorio futuro para o iPhone, hai uns meses eliminaron a súa presenza da páxina web de Apple, dando a entender que o produto podería ter sido cancelado, pero agora xorden informacións que indican o contrario, e segundo fontes da cadea de subministro aseguran que Luxshare Precision, fabricante dos AirPods e de cables USB-C, xa tería iniciado a produción da AirPower, mentres que outras fontes aseguran que Pegatron iniciará a produción da AirPower o vindeiro 21 de xaneiro. En calquera dos casos teriamos que o cargador estaría próximo á súa comercialización, por desgraza con bastante retraso, xa que dende o seu anuncio deixou pasar dúas campañas de Nadal nas que podería ter colleitado boas vendas.

PUBLICIDADE