A base de datos de persoeiros galegos do CCG engade a entrada de Urbano Feijóo

xoves, 1 de setembro do 2022 S. P.

O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas, recibiu nesta recta final do verán unha nova e relevante incorporación: a de Urbano Feijóo Sotomayor (1808-1898), empresario e político galego que promoveu a creación dun plan de colonización que facilitase, en termos xurídicos, económicos, filantrópicos e prácticos a chegada a Cuba de galegos. O operativo rematou cun grande escándalo polo trato denigrante dispensado aos traballadores.
O Álbum de Galicia vén de incorporar a súa biografía asinada pola escritora Elisa Vázquez de Gey, gran coñecedora da súa figura e da vida cotiá e política da vida colonial da illa de Cuba.
O empresario Urbano Feijóo Sotomayor naceu en Coles e morreu en Viana do Bolo. Fixo carreira política, xa que foi deputado no Congreso por Ourense e polo distrito de Matanzas en Cuba. Na súa entrada do Álbum inclúe tamén ligazóns a documentos relevantes que axudan a coñecer a súa figura.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

PUBLICIDADE