A batalla pola privacidade entre Apple e Reino Unido será pública

martes, 15 de abril do 2025 Marcus Fernández

No mes de febreiro causou moito rebumbio a filtración de que as forzas de seguridade do Reino Unido solicitaran a Apple a creación dunha porta traseira que lles permitise recuperar o contido de calquera usuario do seu almacenamento na nube, impedindo incluso que a compañía de Cupertino admitise publicamente a existencia de tal requirimento.
Tal situación comprometida para Apple levou a que a compañía recorrese aos tribunais e, como medida adicional que claramente contribuíu a confirmar a información filtrada, deixou de ofrecer aos cidadáns británicos a opción de activar a protección de datos avanzada para iCloud, ou sexa, que deixaban de poder empregar o cifrado de extremo a extremo na nube.
Tras a reclamación dunha coalición de organizacións de liberdades civís e medios de comunicación (entre os que figura a BBC) un xuíz británico ditou que a disputa legal entre o Goberno do Reino Unido e Apple sobre a privacidade de datos non poderá celebrarse en segredo.
Na actualidade, Apple non ten a capacidade técnica para acceder aos datos dos usuarios que empregan a protección de datos avanzada, e a compañía non está disposta a crear unha porta traseira que o permite, pois poría en perigo a todos os seus usuarios (xa que sería potencialmente accesible por delincuentes).
A resolución xudicial sinala que «sería un feito verdadeiramente extraordinario celebrar unha vista completamente en segredo sen ningún tipo de revelación pública sobre a súa existencia» e «non aceptamos que a divulgación dos detalles básicos do caso prexudique o interese público ou a seguridade nacional».
Deste xeito parece bastante probable que Apple poida manter a súa política de seguridade, pois un goberno democrático dificilmente pode defender publicamente a adopción de medidas que atentan contra a intimidade dos usuarios dunha plataforma tecnolóxica de todo o mundo (xa que as pretensión do Ministerio do Interior británico era que o acceso aos datos cifrados non se limitase aos seus cidadáns).