A batería externa Mugenizer N11 permite cargar dispositivos sen fíos
venres, 27 de setembro do 2013
O feito de que boa parte dos smartphones actuais non teñan
baterías intercambiables fai que as baterías externas cobrasen importancia nos
últimos anos, permitindo así que os usuarios poidan cargar o seu móbil sen ter
que ter unha toma de corrente a man e poidan viaxar tranquilos sen o medo de
quedar sen batería, e agora o fabricante chinés Mugen Power está a levar un
paso máis adiante este tipo de solucións e pon á venda novos dispositivos deste
tipo que integran sistema de carga sen fíos (co estándar Qi) que chegarán ao
mercado a partir do 8 de novembro.
Unha destas baterías externas que podemos destacar é a Mugenizer
N11, que ten unha capacidade de 4.800 mAh (suficiente para achegar un par
de cargas completas á meirande parte dos smartphones actuais) que véndese por
un prezo de 53,02 euros (con gastos de envío incluídos) e que pode cargarse por
microUSB. O dispositivo ten luces para indicar o seu nivel de carga e para
cargar outros trebellos permite tanto o uso dunha saída USB estándar (á que
incluso poderiamos conectar o cable dun iPhone) como a colocación sobre a súa
superficie dun móbil que soporte carga sen fíos (como un Nokia Lumia 920 ou un
Nexus 4) para un cómodo uso, tanto no escritorio como incluso durante o
transporte, podendo librar de cables a experiencia de carga.
Mugen Power tamén porá á venda o Mugenizer
N13 (con batería de 4.000 mAh e un formato máis cadrado) por 48,47 euros e toda unha serie de cargadores sen
fíos con distintas formas e tamaños (pero sen batería integrada).