A beta de Street Fighter V inicia hoxe as súas probas de estrés

xoves, 20 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Hai un mes Capcom tiña previsto desenvolver a primeira das súas tres fases de probas do seu xogo Street Fighter V, pero os problemas técnicos levaron a que nin sequera fose posible participar na mesma dende Europa, adiándose o proceso até tomar as medidas oportunas para poder atender a grande carga que supón un xogo de loita en liña.
Finalmente hoxe botarán a andar as probas de carga en Europa, continuando até mañá, e cando vexan que estes resultados son satisfactorios anunciarán as datas nas que probarán os seus sistemas para Asia e Norte América, Completadas as probas anunciarán cando terán lugar os prometidos 5 días de proba do xogo a nivel mundial. Durante as probas de carga poderase xogar á versión de proba de Street Fighter V, aínda que é de agardar que a experiencia non sexa de todo satisfactoria, e se experimenten incidencias, pois estamos ante un proceso que precisamente o que busca e realizar os axustes pertinentes para que a primeira beta oficial poida desenvolverse con garantías (xa que é unha recompensa prometida para os usuarios que reservaron o xogo, polo que Capcom ten que mimar este detalle).
Dende Capcom lembran que para gozar da beta de Street Fighter V continúan a ser válidos os códigos anteriores, e para gozar da mesma é preciso ter instalada a última versión do xogo (co último parche publicado).

PUBLICIDADE