A biografía de Afonso X o Sabio incorpórase ao Álbum de Galicia

mércores, 19 de xullo do 2023 S. P.

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora esta semana a entrada de Afonso o Sabio, X de Castela e IX de Galicia-León. Henrique Monteagudo é o autor da entrada desta “figura imprescindíbel para a cultura galega” e nela descríbeo como “monarca das Letras Galegas medievais”.
A biografía que se incorpora esta semana arrinca coa orixe do reino que herda Afonso X o Sabio, nado en Toledo en 1221. “Afonso asumiu o cetro de Castela e León-Galicia ao pouco de que o seu pai unificase os dous reinos (1232) e a seguir conquistase boa parte de Andalucía” apunta o autor da entrada, Henrique Monteagudo, que relata como se atopou cuns dominios poboados por xentes de diferentes relixións, nos que se falaba castelán, ástur-leonés, galego, éuscaro e árabe. “Esta situación”, relata o autor, “fixo que concibise un proxecto político innovador no que buscaba reforzar o poder da monarquía á custa da nobreza e da Igrexa, e en paralelo o monarca puxo en marcha un ambicioso programa cultural, para promover unha alta cultura laica que desafiase o monopolio eclesiástico”.
Monteagudo destaca o empeño do monarca en concentrar a cultura arredor da súa corte, que acolleu trobadores occitanos (como Guiraut Riquier), italianos (Bonifaz Calvo) e cataláns (Arnau Catalan ou Cerverí de Girona). A súa afección pola lírica trobadoresca manifestouse ao congregar “ao seu redor unha boa parte das xeracións intermedias de poetas galego-portugueses, propiciando a etapa de plenitude deste fenómeno literario (1250-1280)”.
Monteagudo destina unha mención específica ao seu carácter de autor destacado e ás Cantigas de Santa Maria, obra destacada da cultura galega.
A entrada incorpora numerosos documentos (bibliográficos, sonoros e audiovisuais) que o Consello da Cultura Galega elaborou arredor da figura do monarca e o seu vínculo con Galicia e a cultura alega.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia”.
A día de hoxe, conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Alejandro Viana Esperón, Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia e Inocencio Schmidt de las Heras.
As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.