A biografía de Elon Musk detalla como favoreceu intereses rusos na guerra de Ucraína

venres, 8 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O que fora biógrafo oficial de Steve Jobs, Walter Isaacson, traballou durante un par de anos nunha biografía de Elon Musk, que a semana que vén chegará ás librarías (realizándose o lanzamento español só 2 días despois do estadounidense), dando conta das súas aventuras empresariais en Tesla, Twitter e SpaceX, entre outros proxecto, resultando bastante curioso que ao final o grande reclamo para o texto estea a ser o servizo de Internet por satélite Starlink, xa que está a xogar un rol importante no conflito armado entre Ucraína e Rusia.
O propio Isaacson está a adiantar que, mentres Starlink ofrecía conexión por satélite ao territorio en conflito, anticipándose a un ataque de Ucraína en Crimea (territorio anexionado a Rusia en 2014) Musk tivo unha conversa co embaixador ruso nos EE.UU. tras a que decidiu que ordenar en segredo aos enxeñeiros de Starlink para que deixasen sen cobertura satelital a costa de Crimea, facendo imposible que os drons ucraínos puidesen achegarse á frota rusa.
Os militares ucraínos, conscientes de que Musk desactivara a conectividade de Starlink para Crimea, pediron a súa reactivación, ao que Musk negouse, argumentando que o ataque ucraíno suporía unha escalada na guerra, e incluso chegou a propor unha especie de plan de paz que practicamente supuña a cesión de Ucraína ante Rusia. Esta posición activa de Musk no conflito incluso foi levada máis aló, e Starlink deixou de dar cobertura a máis territorios controlados por Rusia para evitar que fose atacados por drons ucraínos.
Deste xeito, Musk pasou a ser unha persoa que axudaba coa súa tecnoloxía a Ucraína, a defender intereses de Rusia na zona, asegurando que quería limitar as súas contribucións ás causas humanitarias, e non a usos militares, postura que semella maquillaxe, xa que dende SpaceX comercializan unha variante de Starlink chamada Starshield que está destinada especificamente a usos militares, incluso en Ucraína.

PUBLICIDADE