A blogueira galega Eva Abal converte o Padrón Xacobeo en tendencia
mércores, 9 de xuño do 2021
A
Concellaría de Cultura e Turismo de Padrón está a promover unha
campaña de promoción turística centrada no Xacobeo 2021-2022 coa
presenza da prestixiosa blogueira Eva Abal, creadora do blog
unaideaunviaje.com e
colaboradora do programa Quen anda aí da TVG. Esta iniciativa
xorde nun momento clave para “reactivar a hostalería e os negocios
turísticos locais tras o impacto provocado pola pandemia que estamos
a vivir”, explicou o Concello a tempo que enxalzou a traxectoria da
blogueira galega, que conta cunha ampla e recoñecida traxectoria no
mundo dos cadernos en liña de viaxes.
O
Concello tamén destaca que entre os principais fitos de Eva Abal
están a visita a máis de 60 países (Namibia, Chile, Irán,
Tailandia, India...) e a participación en campañas para empresas
como Air Tahiti ou organismos públicos como Turismo de Xixón.
Ademais, o seu blog sitúase entre os máis consultados polos
visitantes da nosa Comunidade.
Durante
a súa estadía en Padrón, a blogueira tivo a oportunidade de
realizar os últimos quilómetros do camiño da Pedronía, que une
Santiago de Compostela con Padrón, un itinerario que lembra a
tradición xacobea medieval segundo a cal os peregrinos continuaban a
súa viaxe até Padrón para coñecer o punto sagrado onde
desembarcou o apóstolo. Tamén visitou o convento de Herbón,
empregado polos peregrinos coma alternativa de aloxamento no Camiño
Portugués e no cal tivo lugar a chegada do produto gastronómico
estrela do concello de Padrón no século XVII: o pemento.
A
través de numerosas stories en Instagram, publicacións
en Facebook e un artigo con toda a información relacionada co Padrón
Xacobeo, a blogueira dará a coñecer os principais atractivos do
termo municipal entre a súa ampla comunidade de seareiros.
Boa
parte da súa experiencia en Padrón xa foi envorcada no seu blog a
principios de ano.