A blogueira galega María Vázquez, premiada pola casa de poxas en liña Setdart

luns, 6 de outubro do 2014 Redacción

Os Premios Setdart tiveron presenza galega, máis polo miúdo a de María Vázquez, procedente de Lugo, que gañou o galardón Mellor Blog de Arte 2014 coa súa bitácora dixital El Ojo en el Cielo. O segundo premio foi para El Dado del Arte, da catalá Pilar Delgado. A galega María Vázquez recibirá grazas a este recoñecemento unha viaxe a París para asistir á exposición Marcel Duchamp. A peinture m*eme, do Centro Pompidou. Os galardóns foron dados a coñecer o pasado xoves durante a gala de celebración da empresa catalá Setdart, casa de poxas de arte en liña que estes días está a celebrar o seu décimo aniversario.
Entre as actividades previstas para conmemoralo insírese precisamente a edición dos seus premios, un concurso de blogs de ámbito estatal. O obxectivo do certame foi duplo: por unha banda pretendeuse promover estimular e recoñecer o traballo das blogueiras e blogueiros “que contribúen enormemente á difusión e promoción das artes dunha forma desinteresada”, e pola outra quíxose celebrar o décimo aniversario de Setdart propiamente dito.
Nesta primeira edición participaron un total de 53 bitácoras sobre arte de diferentes recantos do eido estatal (Málaga, Pamplona, Xixón, Madrid, Lugo, Salamanca, Barcelona, Vigo, Sevilla, Valencia, Zaragoza ou Cáceres) que tratan e analizan a creatividade nas máis variadas manifestacións e dende moi diferentes vertentes: a fotografía, a historia da arte, entrevistas a artistas noveis, presentación de novas obras de arte e mesmo a relación entre a arte e o cinema.
Detrás do proxecto Setdart atópanse Kristian Fuglsang-Madsen, Mariña Pelegrí e Enrique Esteban, creadores deste portal de poxas de arte en liña que xa conta con máis de 45.000 usuarios e unha media de 7.000 visitas diarias, acubillando cada día a posta en subhasta de arredor de 130 pezas de media.

PUBLICIDADE