A británica ARM podería rachar relacións con Huawei

mércores, 22 de maio do 2019 Marcus Fernández

O bloqueo comercial de EE.UU. a Huawei, pese á licenza temporal autorizada polo Departamento de Comercio, está a ter consecuencias inesperadas, como un comunicado de ARM aos seus empregados instándoos a deixar de traballar coa compañía chinesa segundo publica a BBC, o que tería consecuencias catastróficas para a división móbil de Huawei, xa que faría imposible a medio prazo que puidese lanzar novos procesadores Kirin.
Dado que Huawei non poderá mercar procesadores de Qualcomm para novos produtos e tampouco podería continuar a desenvolver os seus (xa que dependen da arquitectura creada por ARM), quedándolle moi poucas opcións (habería que ver se a taiwanesa MediaTek ou a surcoreana Samsung accederían a prover a Samsung).
O distanciamento de ARM de Huawei sorprende porque falamos dunha compañía británica, que directamente non tería que acatar o boqueo estadounidense, pero resulta que parte dos deseños de ARM inclúen tecnoloxía orixinaria dos EE.UU., polo que prefiren non correr riscos e rexeitar continuar a facer negocios con Huawei cando até hai poucos meses presumían da súa relación.

PUBLICIDADE