A caixa de correos virtual do Teatro Fraga recibiu xa 200 propostas

mércores, 18 de setembro do 2024 S. P.

A Xunta e a Deputación de Pontevedra fixeron un primeiro balance da campaña aberta para enriquecer, coa axuda da cidadanía, o plan de usos do Teatro Fraga, de Vigo, unha campaña na que se implicaron máis dun cento de entidades e participantes. No balance participaron o conselleiro de Cultura, José López Campos, e o presidente da institución provincial, Luis López, que salientaron a boa acollida da iniciativa e as “valiosas achegas” recibidas. A campaña tivo o seu principal apoio nunha caixa de correos virtual que recibiu preto de 200 contribucións.
López Campos valorou este tipo de contactos para “coñecer de primeira man” ideas e proxectos nos que, dixo, evidénciase “unha fonda carga afectiva” por este edificio emblemático, pechado desde 2011, e que está considerado unha xoia da arquitectura civil. Ademais, subliñou a constatación, durante a celebración deste encontro, de que existe un “convencemento común do tremendo potencial para toda Galicia” do Teatro Fraga, que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e que ofrece máis de 7.000 metros cadrados de uso cultural no pleno centro de Vigo.
Pola súa banda, o presidente da Deputación agradeceu a resposta á convocatoria e defendeu que o Fraga “conta con moi bos valedores”, os que se encargarán de “definir a nova vida do Fraga e ides garantir que medre como un centro cultural referente para Vigo, a provincia, Galicia e todo o noroeste de España”.
Como dixemos, esta campaña conta tamén cunha caixa do correo virtual que, segundo salientou o conselleiro, está a ter unha “grande acollida, como así o reflicten as preto de 200 achegas rexistradas desde que se abriu o pasado 23 de agosto”. Así, permanecerá en funcionamento ata finais de setembro, polo que poderán seguir enviando as súas propostas ao enderezo propostas@teatrofraga.gal tanto entidades como particulares.
Ademais, esta apertura á sociedade da recuperación do Teatro Fraga tamén inclúe a programación de varias xuntanzas abertas á cidadanía. Así, tras o primeiro encontro deste martes, continuarase con máis reunións nos vindeiros meses con diversos axentes culturais, sociais e económicos da cidade.
Finalmente, o conselleiro de Cultura valorou a compra —por máis de 9,3 M€— da Xunta e da Deputación de Pontevedra deste edificio, e incidiu en que a súa recuperación vai supoñer “un fito cultural e social de primeira magnitude non só para esta cidade, senón para toda Galicia, xa que se vai reabrir para o seu uso público un edificio cun enorme simbolismo”.