A cámara Fujifilm X-H1 aposta pola gravación de vídeo

xoves, 15 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A serie X de Fujifilm recibe a súa cámara de maior rendemento, a Fujifilm X-H1, cun corpo robusto e duradeiro, que incorpora unha serie de características de grande utilidade para o seu uso en diversos escenarios demandados por fotógrafos e produtores de vídeo profesionais. Estamos ante o primeiro modelo da gama en incluír estabilizador de imaxe corporal de 5 eixes (IBIS), cun máximo de 5,5 paradas e un modo de redución de pestanexo que mellora a calidade da fotografía deportiva en interiores. Tamén destaca por incluír o modo ETERNA, co que simúlase a gravación en película cinematográfica.
A Fujifilm X-H1 monta un sensor X-Trans CMOS III de 24,3 Mpíxeles sen filtro de paso baixo e cun tamaño APS-C que en combinación cos obxectivos Fujinon consegue unha magnífica reprodución de cores e detalles.
O seu corpo é resistente a po e auga, e incluso pode empregarse a 10 graos baixo cero, polo que é un bo equipo para traballar en exteriores. Inclúe un visor de 3,69 Mpíxeles e unha pantalla LCD traseira de 3 polgadas, así como un pequeno display superior de 1,28 polgadas (para facilitar información sobre o disparo fotográfico ao momento).
Aínda que esta nova cámara ofrece unha grande calidade fotográfica, para a gravación de vídeo tamén ten moitas virtudes, sendo capaz de gravar en varios formatos de ultra alta definición até a 200 Mbps, mentres que en Full HD conta con modos de cámara lenta (até 120 fotogramas por segundo).
A X-H1 sairá á venda o 1 de marzo nos EE.UU. a un prezo de 1.899,95 dólares (1524 euros).

Vídeo promocional da cámara Fujifilm X-H1

PUBLICIDADE