A cámara Insta360 ONE sorprende pola súa versatilidade

luns, 28 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O ano pasado Insta360 conseguiu certo éxito coa súa campaña para financiar a cámara de 360 graos para móbiles con Android chamada Insta360 Air, que non só permite disparar fotografías e vídeo inmersivos, senón que tamén permite realizar retransmisións en directo en 360 graos a través de plataformas como Facebook, e este mesmo fabricante está a conseguir adiantarse claramente aos seus competidores coa súa nova creación: a cámara Insta360 ONE.
Este novo produto sería moi superior á Insta360 Air xa que non só funcionaría conectada fisicamente a un smartphone, senón que tamén tería outros dous modos de funcionamento: enlazada sen fíos ao teléfono ou operando de xeito autónomo. Ou sexa que a Insta360 ONE sería unha mestura entre a Insta360 Air e a Samsung Gear 360, pero desta volta o produto sería compatible con dispositivos con iOS (a partires do iPhone 6 ou do iPad Air 2), estando prevista unha versión para móbiles con Android para dentro de pouco.
A Insta360 ONE véndese actualmente a 299,9 dólares (uns 250 euros ao cambio) e permitiría disparar fotografías con ou sen compresión de 24 Mpíxeles, gravar vídeo envolvente en 4K, retransmitir en directo vídeo en 360 graos a través da Internet e incluso integra funcións bastante interesantes como a creación de time-lapses ou un revolucionario efecto de tempo bala na liña do efecto especial que podía verse no filme Matrix (efecto que conséguese movendo a cámara ao redor mentres captura o contorno en todos os ángulos a 240 imaxes por segundo).
Un detalle a salientar da nova cámara de Insta360 é que integra estabilización xiroscópica de 6 eixes, o que fai que o seu uso como cámara deportiva sexa bastante satisfactorio, e o seu software de edición de vídeo tamén conta coa función de exportar o vídeo de xeito plano en Full HD, permitindo que definamos o ángulo de gravación a posteriori (podendo incluso programarse o seguimento dun suxeito en concreto), ou sexa, que para filmar vídeo tradicional tamén ten utilidade.
Este trebello contará con accesorios como trípode, soporte para casco, pau de selfie, ventosa para pegar a un vehículo e incluso carcasa somerxible, polo que as súas posibilidades serán bastantes, buscando así xustificar a súa compra por un prezo un tanto elevado se temos en conta que os contidos en 360 graos aínda non gozan de moita popularidade (especialmente pola pouca presenza dos cascos de realidade virtual que facilitan o seu goce de xeito inmersivo).

Vídeo de presentación da cámara Insta360 ONE

PUBLICIDADE