A cámara Panasonic Lumix DMC-FT3 combina altas prestacións e resistencia física

martes, 25 de xaneiro do 2011 Redacción

Panasonic presenta a súa nova cámara dixital híbrida DMC-FT3 con lente LEICA DC VARIO ELMAR con tecnoloxía de obxectivo telescópico que captura imaxes e vídeos de alta calidade. Este novo modelo con 12,1 Megapíxeles, zoom de 4,6x en modo teleobxectivo e un grande angular de 28 mm pode somerxerse ata 12 metros baixo a auga, resistir caídas dende unha altura de 2 metros e aguantar o frío ata 10 graos baixo cero.
Grazas ao recheo de caucho, o vidro reforzado e as resinas de carbono que hai no interior da cámara, o corpo hermético da DMC-FT3 protéxea da auga, o po e a area.
A DMC-FT3 grava vídeo en alta definición Full HD en formato AVCHD 1920 x 1080 e incorpora o procesador Venus Engine HD con Tecnoloxía de Resolución Intelixente. Esta permite que o zoom óptico de 4,6x se amplíe a 6 x coa mesma calidade de imaxe. Así mesmo, o Extra Zoom óptico alcanza 9,1x (en resolución de 3 Megapíxeles) usando o centro do CCD de alta resolución.
O CCD de novo deseño con 12,1 Mpíxeles e saída de sinal de 2 canles proporciona unha elevada velocidade de transferencia de sinal en operacións que requiren altas prestacións e velocidade, tanto para a gravación de vídeos de alta definición 1920 x 1080 como en modo refacho en alta velocidade. Tamén se mellorou a calidade de imaxe grazas ao aumento de sensibilidade nun 25% que foi posible grazas a unha mellor e máis eficiente concentración e captación da luz nos micro obxectivos colocados en cada píxel.
O modo iA (Intelligent Auto) mellorouse mediante a incorporación de novas funcións de corrección de imaxes en movemento. Por exemplo, engadiuse o Modo Activo ao POWER O.I.S (Estabilizador Óptico de Imaxe) que suprime o desenfoque do Grande Angular mentres se camiña. Ademais, este novo modelo tamén dispón do modo Deblur (Anti Borrosidade) que actúa mediante a actualización da detección de movemento (Control ISO Intelixente) e o control de brillo (Exposición Intelixente) para obter de xeito automático a maior velocidade do obturador.
A DMC-FT3 produce imaxes realistas en 3D con menos distorsión grazas ao novo modo Foto 3D. As fotografías capturadas poden visualizarse doadamente nun televisor Viera ou noutros equipos 3D compatibles con MPO.
A nova Lumix incorpora a función de GPS integrado con máis de 1.000.000 de puntos de referencia que cobre 203 países e rexións. O GPS garda os datos do lugar onde se capturaron as imaxes (latitude e lonxitude) e logo poden ser localizadas en mapas dixitais e compartirse con amigos e familiares. Ademais, mentres toma a foto pódese mostrar o nome do país, cidade ou monumentos máis importantes, así como información a tempo real dalgúns lugares.
Ademais da incorporación do GPS, a FT3 dispón de compás, altímetro e barómetro para indicar e rexistrar a altitude, a presión barométrica así como os datos de orientación. O barómetro tamén funciona como indicador da profundidade baixo a auga. O seu deseño resistente, o GPS e o avanzado equipo de medición permiten gozar da cámara nunha gran variedade de situacións.
O procesador Venus Engine FHD proporciona un tempo de resposta realmente rápido: o retardo de disparo é de aproximadamente 0,005 segundos permitindo capturar calquera oportunidade inesperada. O autoenfoque ultra rápido (Sonic Speed AF) enfoca o obxecto aproximadamente un 28% máis rápido que a FT2.
A FT3 conta cunha pantalla LCD de 2,7" e 230.000 puntos dispón dun amplo ángulo de visión e revestimento AR (Anti Reflexión) que asegura unha alta luminosidade durante a captura e reprodución mediante un control de brillo automático (11 pasos).

PUBLICIDADE