A cámara Samsung WB110 terá sensor de 20,2 Mpíxeles e zoom óptico de 26x

venres, 5 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A familia de cámaras fotográficas de Samsung con zoom de grande alcance, a WB, recibe un novo integrante, a Samsung WB110, que completa o seu sensor de 20,2 Mpíxeles cun zoom óptico de 26x, facilitando que poidamos captar a acción de acontecementos que teñan lugar a certa distancia sen prescindir dunha lente de ultra grande angular para poder recoller o que acontece ao noso redor.
Esta nova cámara ten unha pantalla LCD de 3 polgadas (cunha resolución de 480 x 360 píxeles) cun sistema de brillo auto-axustable, grava vídeo en alta definición a 720p, ten unha ISO de entre 80 e 3.200, inclúe saída HDMI 1.4, funciona con tarxetas de memoria SD de ata 64 Gb de capacidade, usa 4 baterías AA, mide 114,48 x 79,26 x 86,45 milímetros e pesa 385 gramos (sen batería). Temos así unha cámara que non destaca polas súas prestacións técnicas, pero que pode resultar de grande utilidade para quen non queira cargar dunha cámara con obxectivos intercambiables pero poder gozar igualmente dunha cámara que permita disparar imaxes a unha elevada resolución e rexistrar imaxes a unha distancia considerable (o que resulta especialmente interesante, por exemplo, para captar o que acontece durante un evento deportivo).

A nova cámara de Samsung destaca polo seu xeneroso zoom óptico

PUBLICIDADE